Continúan aparecendo estruturas prehistóricas descoñecidas ata a data no territorio galego. Un bo exemplo destas son as bautizadas como henges, pola súa similitude cos monumentos prehistóricos atlánticos formados por un parapeto circular de terra. Con todo, esta denominación parece algo provisional, xa que non se determinou con precisión a natureza destas circunferencias de pedras, cuxo número foi en aumento nos últimos anos no noroeste peninsular.
O descubrimento dunha destas estruturas na parroquia de Cereixa, concello de Pobra do Brollón (Lugo), por parte de Xavier Moure, desencadeou a planificación e redacción dun proxecto de intervención arqueolóxica a mans do mesmo equipo interdisciplinar que descubriu e escavou o cairn da Muradella, dirixido polo arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo, e asesorado polo tamén arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa, Xurxo Ayán Vila.
“As imaxes de radar (LiDAR) mostran claramente a existencia dun gran círculo marcado no terreo duns 65 metros de diámetro. Varias inspeccións oculares do lugar por parte do equipo confirmaron que se trata dun círculo constituído por gran cantidade de cantos que forman unha estrutura anular”, segundo se indica dende o equipo de investigación. Ademais, puideron observar unha importante dispersión de material arqueolóxico en superficie, vinculado a momentos prehistóricos, o que reforza a potencial importancia arqueolóxica do sitio.
A construción, aínda de función descoñecida, podería corresponder cronoloxicamente á Idade de Bronce, cara ao 1500 e o 900 a.C., polo que se coñece de paralelos como o círculo de Ventosiños (Coeses, Lugo) e A Roda (Barreiros, Lugo). Os primeiros indicios apuntan a que podería tratarse dunhas construcións cun uso ritual ou cerimonial vinculadas tanto ao mundo dos vivos como ao dos mortos.
A súa localización, a media ladeira nunha das principais encrucilladas de camiños históricos, onde se cruzan os pasos que entran da Meseta desde o Bierzo e os que se internan na Terra de Lemos (non en balde, a vía do tren discorre a escasos metros do sitio), incide na importancia da contorna, nunha paisaxe no que o control dos lugares de fácil tránsito era clave para o control do territorio.
As escavacións poderían levar a cabo este verán e enmarcaríanse dentro das actividades planificadas polo “Bicentenario do Concello de Cereixa 1821-1823”, parroquia na que se atopa a misteriosa estrutura. Os traballos contan co apoio da asociación de veciños “María Castaña” de Cereixa.
Imaxes cedidas polo equipo de investigación.