CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

Descubrindo os significados dos nomes de lugar do Barco con “Toponimízate”

Esta campaña recalaba esta tarde de xeito telemático nesta vila valdeorresa e podía seguirse a través de YouTube

 

“Imos toponimizarnos!”. Deste xeito iniciaba Vicente Feijóo, coordinador da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, a actividade de divulgación da toponimia galega “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Xunta de Galicia, que nesta tarde recalaba no Barco.

A súa exposición, realizada de forma telemática, podía seguirse en directo a partir das 15:40h. dende a canle de Youtube da Real Academia Galega e o portal Toponimia de Galicia. Entre as persoas que estaban atentas a súa intervención figuraban o alumnado e profesorado do IES Lauro Olmo, o do Divina Pastora, así como o do IES Martaguisela. Ademais a sesión podía verse dende o Teatro Lauro Olmo do Barco. Precisamente entre o público deste espazo estaban represantantes da Asociación de Mulleres Rurais de Veigamuíños e da Asociación Cultural O Mosterio de Vilanova, que xa teñen realizado recolleita de microtoponimia nesas parroquias.

Feijoo iniciaba a súa intervención agradecendo a colaboración do Concello do Barco, cunha mención directa ao seu técnico de Cultura, Gustavo Docampo, así como a do profesor Xabier Roo. A partir de aí iniciaba a súa exposición, explicando en primeiro lugar que é a toponimia, “ciencia ou parte da onomástica que se encarga, dos nomes de lugar, da súa orixe e significado”; e de seguido sinalando as diferenzas entre a macrotopinimia e a microtoponimia, eixo desta actividade.

Feijóo incidía na “gran riqueza toponímica da comunidade galega”, así como na súa “importancia como patrimonio inmaterial”, para despois comentar os motivos polos que cales está desaparecendo este patrimonio, “polo que urxe que o salvagardemos”. Tamén se detiña en comentar como funciona a plataforma colaborativa de recollida da microtoponimia “Galicia Nomeada”. A través dela xa foron recuperados, ata o de agora, no Barco máis de 200 microtopónimos, grazas ao labor de varios colaboradores, como o profesor Xabier Roo e o técnico municipal de cultura Gustavo Docampo.

 

 

O coordinador da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, promovía a participación nesta iniciativa entre a xente moza e as persoas adultas, “novas e novos gardiáns que sigan a incrementar os nomes de leiras, fontes, devesas ou veigas do concello incorporados a este espazo concibido para preservar un patrimonio cultural inmaterial de valor incalculable”.

Feijoo referíase ademais “ao potencial didáctico e normalizador que ten toda esta información toponímica para traballar con ela na escola e para os usos da administración local”. Nese senso, a charla tamén abordaba a orixe e o significado de distintos topónimos, contando coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, e que comezaaba polo propio nome do concello.

“O primeiro dos elementos que forman parte del, barco, levou ao imaxinario popular a crear diferentes lendas sobre a existencia dalgunha embarcación desde a época romana na beira do río Sil; o lugar do Porto da Barca no punto onde se supón que cruzaba o barco entre a capital e Viloira (que existiu ata 1902) reforza a idea de que o nome O Barco facía referencia a unha embarcación que servise para cruzar o río. Outra tese, en cambio, sostén que a forma barco pode proceder dunha partícula prerromana *barg- ou *barc. co significado de “depresión fluvial ou concavidade”. Canto ao segundo dos elementos, Valdeorras, fai referencia ao Val dos Guigurros, en referencia ao pobo prerromano localizado nesta parte de Ourense”, tal e como se indicaba.

O 3 de decembro, última charla da campaña Toponimízate do ano

A edición deste ano de Toponimízate concluirá o 3 de decembro no Centro para a atención de persoas maiores de Ortigueira. Será nun encontro especial que consistirá nunha actividade da memoria, relacionando o envellecemento activo e a calidade de vida dos maiores coa recuperación da toponimia tradicional galega, das que as persoas de máis idade son as principais garantes.

Fotos cedidas.

A sesión telemática completa pode ver aquí:

Artigos relacionados

Back to top button