Das proximidades do pavillón do Bañadoiro partirá o desfile do folións que se celebrará o vindeiro 2 de xullo en Vilamartín. Será ás sete da tarde. Este encontro terá ademais como pregoeiro ao actor valdeorrés Paco Campos. Logo farase unha recreación da petición de permiso que se realiza durante o Entroido nas localidades do oriente ourensán que aínda conservan esta tradición e, de seguido, comezará o desfile que percorrerá as rúas do pobo.
Nesta comitiva participarán sete folións. Catro deles serán triveses: A Caniceira, Os Labregos, As Maceiras e o de Sobrado. Tamén estarán os folións de Carracedo da Serra, o de Quintela de Edroso e Amigos e o dos Viticultores. O percorrido concluirá no mesmo pavillón. Despois haberá unha pinchada e unha actuación musical.
Este desfile será organizado pola Asociación Cultural Folión Os Viticultores, que vén de facer público o cartaz do mesmo, en colaboración co Concello de Vilamartín.