CulturaCulturaÚltima hora

Desvelando a historia do colar atopado no Castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón)

Está sendo analizado polo equipo de restauración do Museo do Castro de Viladonga, que cre que as súas doas son de pasta vítrea

Doas atopadas no Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón)./ Foto: Sonia García Rodríguez.

 

Tan pequeniñas como delicadas, cada unha das 23 doas do colar atopado o pasado verán no Castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón) conta unha historia. Fanno a través das súas formas, do material do que están feitas e mesmo da terra que conservan no seu interior. E no labor de desvelar esa interesante e valiosa información está inmerso o equipo técnico do Museo do Castro de Viladonga, encabezado pola restauradora Carolina Pérez.

“Restaurar estas pezas do pasado supón unha responsabilidade, e, ao mesmo tempo, unha gran emoción e unha sensación de alegría. Ademais apórtanos abundante informaciónde como era a vida nestas antigas aldeas, non só do colar como elemento estético ou de adorno, senón que esta peza tamén nos fala dun gusto, dunha forma de ver o mundo e mesmo pode achegarnos á súa función ritual, ás crenzas e espiritualidade dos poboadores dos castros”, explica Carolina Pérez.

Varias son as singularidades este colar que lle chamaban a atención a esta restauradora. O primeiro a cantidade de doas que contén, 23. E, ademais, que sexan dun tamaño tan pequeno e tan delicadas. E logo está o feito de que son todas monocromas, non presentan cores, a diferenza das que teñen aparecido no Castro de Viladonga, moitas delas de dous tonos distintos de azuis, algunha negra e outras teñen inclusións de branco.

“As pezas atopadas no Castro de San Lourenzo son todas monocromas e dunha cor como amarela, que pode confundirse con oso. E co traballo que estamos facendo agora de documentalas e clasificalas sospeitamos que son todas de pasta vítrea, pero máis adiante a nosa intención é poder facer analíticas porque o conxunto merece ser estudado a fondo”, continúa Carolina Pérez.

Outra das singularidades que destaca este equipo é cinco das doas teñen inclusión de dourado no medio. “Na técnica que usaron fixeron como unha boliña de vidrio, logo introduciron pan de ouro,  e así o ouro está como embutido no vidro. O feito de que teñan ouro fainas excepcionais, se ben   hai máis exemplos de xoias castrexas deste tipo”.

Outro detalle que analizan é a tipoloxía diversa de formas que presentan. “Catro delas teñen unha forma que eu non vira ata agora, similar á dun carrete de fío, máis estreitiña polo medio e máis ancha polos lados. Esta forma denomínase hiperboloide. Desas hai catro e a única que está danada é unha que está fracturada na metade, pero o resto consérvase moi ben”, continúa  responsable do equipo, do que tamén forma parte unha fotógrafa e outra restauradora.

 

Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón).

 

O labor do equipo de restauración

A clasificación e documentación de cada unha das pezas desta xoia castrexa é tan só a primeira fase do proceso de restauración. “Estámolas fotografando, pesando, medindo e describindo porque hai formas diferentes, non son todas iguais, unhas son bicónicas, como esferas, máis anchas na metade e coincide que as deste tipo son precisamente as que teñen o dourado polo medio. Tamén as miramos no microscopio, para facer macrofotografía, e tratar de ver o que teñen, de feito, collimos unha mostra do interior dunha, que semella un resto vexetal e podería ser que formara parte do cordel, iso é unha hipótese, non o sabemo, así que imos gardala para analizala e ver que tipo de fibra é”, explica a responsable do equipo.

Unha vez que estean todas rexistradas, tanto graficamente como coa correspondente descrición, o seguinte paso será a limpeza baixo microscopio binocular, “unha limpeza, que vai ser basicamente mecánica”. A maioría das doas aínda conservan terra no seu interior,  así que “posiblemente collamos mostras e faremos a limpeza. A continuación levaranse a analizar, seguramente a microscopio electrónico de barrido. Iso pode ofrecernos datos máis concretos do material do que están feitas. A pasta vítrea é transparente, pero neste caso non hai ningunha que sexa completamente transparente, entón queremos ver se hai outros elementos na súa composición”.

Unha vez concluído o proceso, o obxectivo final do equipo sería, con toda esta información, elaborar un artigo para divulgar as conclusións obtidas.

 

Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón).

 

 

Un obxecto excepcional do século II-I a.d.C

Para os investigadores que atopaban esta xoia o pasado verán, supón un descubrimento arqueolóxico “excepcional” por varios motivos. O primeiro deles a súa boa conservación, xunto co feito de aparecer nun contexto considerado claramente industrial e con datacións por Carbono 14 que o sitúan no século II-I a. d. C.

“Este tipo de obxectos suntuarios en moitas culturas prohistóricas adoitan aparecer en contextos funerarios, nas tumbas, sen embargo no mundo castrexo este é un contexto do que non temos información. Os famosos torques de ouro, como os de Burela ou Elviña, apareceron todos fóra de contexto, mesmo fóra de castros, nun lameiro, nun prado… No noso caso as doas localízanse no sureste do interior da croa do castro e é claramente un contexto moi interesante porque alí xa atopamos unha cabana coa grella forno, a estrutura de combustión e na contorna un pavimento de area verdosa sobre o cal aparece o colar, e todo unha serie de parrillas, de lareiras que están nesa zona. Polo tanto, estamos nunha área de concentración de estruturas de combustión de carácter doméstico e despois pegado ao sur si que aparece outra área, pero xa centrada na actividade metalúrxica de ferro”, tal e como explicaba Xurxo Ayán, director da campaña arqueolóxica realizada en agosto no Castro de San Lourenzo.

O proceso de restauración que se está a desenvolver poderá novo coñecemento e máis luz sobre a cultura e a vida cotiá dos antigos habitantes dos castros do interior galego.

Artigos relacionados

Back to top button