En portadaÚltima horaVídeos

Desvélase o posible acceso orixinal ao poboado do Castrillón (Larouco)

Medio cento de persoas percorrían, seguindo as explicacións dos arqueólogos, este xacemento da segunda Idade do Ferro na tarde do domingo

 

Unha das incógnitas pendentes de despexar sobre o xacemento prerromano do Castrillón (Larouco) era a do seu acceso orixinal. Agora, os datos reunidos durante a primeira campaña de escavación no 2020 e no campo de voluntariado desenvolvido neste verán indican que se sitúa na zona sur do poboado. “O estudo da planimetría, das pendentes, a prospeción superficial… fai que estamos seguros ao 90%, fáltanos un 10% que temos que confirmar coa escavación arqueolóxica no outono”, asegura o director da intervención, Martiño Xosé Vázquez.

Precisamente esa entrada primitiva revelabáselle ao medio cento de persoas que participaban na visita guiada ao castro que se desenvolvía na tarde do domingo 15 de agosto. Nela contábase con tres representantes de Xeitura S. Coop. Gal., que coordinaba as actuacións realizadas no castro, e coa alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela.

 

 

“O obxectivo fundamental da visita era achegar os traballos arqueolóxicos que se fixeron tanto en setembro de 2020 como o pasado xullo. Ademais na visita aportáronse os resultados de analíticas en laboratorio, como novidade, porque xa imos acumulando bastante datos, tanto de LiDAR como de Carbono 14, e de análise de materiais, así como da lectura estatrigráfica das sondaxes. Isto vai permitindo que o relato sexa máis completo”, explica o arqueólogo Martiño Xosé Vázquez.

O traxecto iniciábase no que ten sido ata agora a entrada tradicional do xacemento, onde se instalou un primeiro panel explicativo que se complementará con nova sinalización a partir do outono. “Trátase dun panel indrodutorio que permite achegarte ao Castrillón xa e ter unha visión xeral do poboado, nel xa aparecen os datos de Carbono 14, coas datacións para determinar de que época é, tamén pode verse o modelado 3D do levantamento de LiDAR, tanto do modelo de terreo, como de curvado de nivel, o que nos aporta a extensión exacta do xacemento. Ademais inclúese unha interpretación natural e de contexto do sitio”, matiza o investigador.

 

O arqueólogo Martiño Xosé Vázquez, nun dos momentos da visita guiada ao Castrillón.

 

A partir de aí, os asistentes podían descubrir as particularidades do seu monumental sistema defensivo, así como os achádegos das intervencións feitas ata este momento no lugar. Os seus resultados conclúen que O Castrillón tivo un único momento de ocupación na segunda Idade do Ferro e que non foi romanizado.

A intención do Concello de Larouco é continuar poñendo en valor e afondando no coñecemento deste castro e, así o adiantaba a súa alcaldesa durante a visita, referíndose a unha nova campaña no outono. Ademais búscase facer del un xacemento seguro para os visitantes, xa que actualmente as súas condicións de accesibilidade non son as adecuadas e mesmo en certos puntos resulta perigoso.

 

 

Nesta visita guiada non só se incidía na gran relevancia arqueolóxica e cultural do Castrillón, senón tamén na súa singularidade e valores medioambientais, xa que se atopa en zona de Rede Natura e posúe “endemismos que o están a revelar como un verdadeiro filón para a identificación de fauna e flora mediterránea”, indica Martiño Xosé Vázquez, e como mostra, a araña touro “que vimos durante as escavacións” e un tipo de cigarra tamén propia de entornos mediterráneos, identificada durante o campo de voluntariado en xullo.

Fotos e vídeos cedidos por Xeitura S. Coop. Gal.

Artigos relacionados

Back to top button