Continúan aparecendo niños de Vespa velutina de grandes dimensións en Valdeorras. Neste caso, trátase de dous niños secundarios dun tamaño considerable e situados en árbores. Un deles, que vén de ser neutralizado nesta xornada de 3 de novembro (tras ter emitido o aviso ao 012 o pasado xoves), está situado xunto ao encoro de Pumares, moi preto da zona pola que pasa o Camiño de Inverno, tal e como pode comprobarse nestas imaxes cedidas.
Por outra banda, moi preto da localidade de Pumares, dende hai varios días pode verse dende a estrada, outro niño de notables dimensións, tal e como nos indicaba un lector, que aportaba tamén estas imaxes.
A detección e eliminación deste tipo de niños neste momento do ano é clave á hora de conter a expansión desta avespa invasora, de aí que se se localizan é importante avisar a través do teléfono 012 para que se proceda á súa destrución.
Dese xeito poderá contribuírse a romper o ciclo vital do insecto, é dicir, evitar que as raíñas que conteñen os niños poidan ser fecundadas e, tras hibernar, creen novos niños na vindeira primavera.