Sendo xa octoxenario, o escritor bergantiñán Eduardo Pondal está obsesionado coa obra que centrou toda a súa traxectoria como autor “Os Eoas”. Dese momento na vida deste bardo nace a nova proposta teatral da compañía Contraproducións: “Os fillos do Sol”. Con texto e dirección de Cándido Pazó, este espectáculo representarase o vindeiro venres 14 de decembro ás 21h. no Teatro Lauro Olmo do Barco.
A historia, que a compañía define como unha “elucubración teatral sobre a figura de Pondal”, cobra vida da man de tres personaxes: Eduardo Pondal (interpretado por César Cambeiro), que comparte as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cunha moza criada da pensión na que está albergado Rosa (Alba Bermúdez) e cunha figura nacida da súa perturbación Eduardo (Adrián Ríos).