EntrevistasÚltima hora

“En “O porco de pé” quixemos facer un espectáculo popular de monstros”

Quico Cadaval aborda a nova obra de Producións Teatrais Excéntricas que recalará este venres no Barco e na que se leva ao escenario a novela de Vicente Risco

Quico Cadaval, director de “O porco de pé”./ Foto: A.R.

 

Ambientada nunha pequena cidade ourensá a comezos do século XX, O porco de pé é unha novela na que Vicente Risco (Ourense, 1884-1963) satiriza á sociedade e a clase política dos anos 20, ridiculizándoa de forma grotesca. Ademais nela o autor fai unha interpretación da vida e do mundo guiada por unha certa arela espiritualista. Esta novela, que conserva plenamente súa vixencia e frescura, vén de ser levada ás táboas nesta primavera por Producións Teatráis Excéntricas. O porco de pé, con dirección de Quico Cadaval (que se ocupou tamén da dramaturxia da peza xunto a Pepe Sendón), e cun elenco formado por Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo.

“Creo que  vampirizamos ao noso favor toda aquela cultura dos anos 20, que foi un momento rachador, era a verdadeira movida, e onde aparecían os peores presaxios do ascenso do franquismo que tamén ten unha pequena referencia aí na obra”, sinala, Quico Cadaval, incidindo ademais en cuestións como o uso da música neste espectáculo. “Hai unha banda sonora de Piti Sanz que recolle toda a música daquela época, tanto a do cabaret berlinés como a do cuplé español, que chegaba a provincias e que resultaba un espectáculo que gustaba moito xa que se consideraba que era a modernidade, o atrevemento. Os dous actores e a actriz cantan en directo, despois está combinación entre a escenografía e a luz que nos conduce a aquel mundo modesto do barracón, de querer facer con cousas pobres algo rico e rutilante . E iso está moi ben resolto pola escenografía de Carlos Alonso e pola luz de Octavio Mas, aparece a luz de cores que nos recorda a aquela pintura expresionista, ás caras verdes da pintura dos anos 20”.

Este espectáculo estreábase o pasado 30 de marzo en Ourense e, tras pasar por escenarios como Santiago, Lalín ou Lugo; chegará este venres 22 de abril ao Teatro Lauro Olmo do Barco. A partir das 21h. os espectadores embarcaranse nunha viaxe aos “fabulosos anos 20” na que se atoparán “cun teatro de fenómenos, cheo de monstros de barracón”.

– ¿Como xorde este proxecto, que supón a primeira adaptación teatral desta novela de Risco?

En pleno confinamento o anterior presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Risco, falou comigo propoñéndome traballar sobre calquera cousa sobre Risco. Eu díxenlle que de Risco o único que se me ocorría a min teatral é O porco de pé, e eu creo que eles tiñan o mesmo na cabeza, simplemente tiveron a elegancia de non impoñelo. Na Fundación Vicente Risco están felicísimos co resultado, tanto Luis Risco que foi a estrea en Ourense e repetiu en Santiago, como o equipo directivo actual, presidido por Celia Pereira.

– ¿Como foi o proceso de adaptación desta obra ao teatro?

Realmente hai dúas maneiras de adaptar o teatro algo que non o sexa teatro. Unha delas é mirar o que se conta na obra e organizar unha serie de escenas para contar a mesma historia. A outra é darlle a palabra a un personaxe da obra e que sexa el quen cha conta.

Nós deixámonos guiar polo autor, por Vicente Risco que ten unha parte teórica na que di que todos temos un corpo físico, humano, pero tamén un corpo astral dun animal, un tótem que nos goberna, que é unha crenza moi estendida.

E baseándose nesas crenzas, que son moi entretidas, aínda que non sexan científicas, Risco di que había un home que era un auténtico porco, e a nosa idea foi converter iso nunha historia de barracón, da xente que levaba unha barraca polas feiras, que anunciaban que dentro estaba a muller serpe ou o neno que se transformara en morcego ou en todos aqueles espectáculos que xogaban coa credulidade e coa complicidade do público. Quixemos facer un espectáculo popular de monstros e a partir de aí houbo que traballar. A idea tense rápido, cando é unha idea feliz, que creo que foi o que pasou neste caso.

 

 

– Nese “teatro popular” tamén se empregan elementos circenses, entre outros…

Si, tamén entra o Antroido un pouco. A verdade é que o circo e o barracón crúzanse moito, nos tempos de esplendor deste tipo de espectáculos acompañábanse. Había espectáculos máis modestos de alguén que tiña unha barraca, pero igual facía un monstro peludo tan bo que despois contratábao un circo, entón son permeables o barracón e o circo. No noso caso fixemos como un circo de fenómenos, de criaturas monstruosas.

Agora existe un circo que se chama o Circo dos Horrores, que é galego, e dalgunha maneira evoca aqueles tempos. Eu vino algunha vez e o presentador é Nosferatu, o vampiro, e entón sae o vampiro a presentar, pero alí hai verdadeiros malabaristas… Nós o que facemos é un traballo de comedia, de máscara teatral, homenaxeando a ese mundo, e aínda que temos fantásticos monstros por agora xa renunciamos ás viravoltas, ás acrobacias.

– A novela O porco de pé caracterízase polo seu tono satírico e supoño que iso tamén estará moi traballado e moi aproveitado na obra…

Neste caso traballar traballámolo, pero é que hai unha coincidencia nas prácticas, entre a práctica teatral de Mofa e Befa dos outros espectáculos que temos feito e a sabedoría cabareteira de Patricia Vázquez e a gran actriz que é. E entendemos moi ben ese humor de Risco, que é un humor ferinte, dalgunha maneira moi moderno para a época e incluso para a tradición galega porque non deixa títere sen cabeza. De feito no plano político tumba a todos no panorama político que mostra: dereitistas e monárquicos, liberais caciquís, comunistas, anarquisas, agraristas… Como curiosidade, faltan os do que despois sería o partido galeguista, os seus, aínda que naquela época Risco era partidario de que o nacionalismo non tivese actividade política, que fose cultural.

– Tamén se fai unha crítica tremenda á sociedade do momento.

Bueno esta é unha cuestión que ten dúas caras. Por unha banda, un disgusto co ascenso político dos burgueses, dos comerciantes, que lle parecen que son seres menos nobres que os fidalgos. E, pola outra, unha crítica á relixión do diñeiro. Hai un palabro que el utiliza, que nós tivémolo nalgún momento no texto e que despois retirámolo, que é telecracia. É dicir, que se ve unha sociedade gobernada dende o exterior por caciques, por políticos que están en Madrid, na Corte e que só volven aquí polas súas convenencias e para manter as súas redes caciquís.

 

Unha das escenas de “O porco de pé”./ Imaxe: Producións Teatráis Excéntricas.

 

– A obra estreábase o 30 de marzo no Teatro Principal de Ourense ante adolescentes, ¿como foi esa estrea?

Foi marabillosa, saían moi contentos e iso é unha cousa extraordinaria porque nalgún momento pode parecerlles que paga a pena o esforzo. Eu dirixinlles unhas palabras ao principio para pedirlles o respecto, dicíndolles que isto é o teatro, non é unha pantalla, aquí hai xente de carne e oso actuando. Pero, o ton de barracón inicial e a aparición do porco eu creo que os hipnotizou e a partir de aí empezaron a aplaudir todas as escenas. O mesmo sucedeu tamén no Rosal e iso xa che mete un pouco na relación de circo e de cabaret, onde o público está animando aos artistas. Non se trata tanto de imos a asistir a esta obra fundamental na literatura galega que fala de cousas da nosa historia, non, hai unha participación activa.

A participación do público en xeral, foi moi parecida. En Santiago foron cheos, houbo xente que quedou fóra, logo en Lalín, O Rosal, hoxe estamos en Lugo e mañá no Barco. E creo que estamos nun acerto ao que contribúen todos os equipos ou todas as unidades, como diciamos cando montabamos.

– Con este espectáculo tamén se contribúe a traer a obra de Vicente Risco á nosa realidade e achegala, especialmente a públicos novos, xa que nel hai personaxes que aparecen en obras anteriores deste autor como o doutor Alveiros…

Risco estaba arquivado e penso que a nosa obra non substitúe á lectura do libro, senón que creo que a estimula. Eu sempre lle fago bromas a libreiros amigos, hoxe en Lugo díxenlle a Librería Trama que comprase exemplares de “Porco de pé” porque van vender moi ben.

Creo que é unha edición sinxela, case como un folleto de literatura popular de Do caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros sería unha cousa que se vendería moi ben á saída, porque claro nós non contamos ese conto, pero hai alusións constantes ao libertador da momia.

Texto: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button