En portadaÚltima hora

Estabilizado o incendio de Riodolas (Carballeda), mentres segue activo o de Pradoalbar (Vilariño de Conso)

No sur de Lugo continúan activos outros 6 lumes: 1 en Quiroga, 3 en Folgoso do Courel e 2 na Pobra do Brollón

Incendio en Riodolas (Carballeda de Valdeorras)./ Imaxe: @Brif Laza.

Nova xornada marcada polos lumes forestais na Galicia interior, con 6 incendios superiores ás 20 hectáreas aínda activos no sur da provincia de Lugo e 1 na provincia de Ourense. O incendio de Riodolas (Carballeda de Valdeorras) lograba estabilizarse ás 00,40 h. desta madrugada. Afecta unha superficie estimada de 1.100 hectáreas provisionais. No seu control levan participado en total 5 técnicos, 18 axentes, 46 brigadas, 22 motobombas, 3 pas, 4 avións e 6 helicópteros, segundo os datos feitos públicos esta mañá pola Consellería do Medio Rural.

Sen embargo, continúa activo desde as 6,57 h. do venres o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 160 hectáreas provisionais dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 1 técnico, 8 axentes, 26 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 avións e 7 helicópteros.

 

Incendio en Pradoalbar (Vilariño de Conso). Foto: @Brif Laza.

 

A Pobra do Brollón

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde as 20,37 h. do xoves e afecta unha superficie provisional de 600 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 3 técnicos, 19 axentes, 29 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 4 avións.

Segue activo desde as 21,14 h. do xoves outro incendio na Pobra do Brollón, tamén na parroquia de Saa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.

Folgoso do Courel

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Seceda. Este lume iniciouse á 1,40 h. do venres e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 16 axentes, 24 brigadas, 10 motobombas, 6 avións e 4 helicópteros. Neste lume está participando a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse ás 20,42 h. do xoves e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 6 técnicos, 18 axentes, 29 brigadas, 18 motobombas, 1 pa, 5 avións e 3 helicópteros.

Permanece tamén activo o outro lume de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que comezaba o xoves ás 20,25 h. da tarde. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 500 hectáreas provisionais. No seu control traballaron ata o momento 1 técnico, 18 axentes, 24 brigadas, 19 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 6 helicópteros.

Quiroga

Continúa activo o incendio forestal da localidade lucense de Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciou ás 12,42 h. do venres e afecta unhas 90 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 8 axentes, 20 brigadas, 13 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Controlado ás 22,25 h. de onte o incendio que se orixinara o xoves ás 20,29 h. tamén en Quiroga, parroquia de Outeiro. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 16 axentes, 16 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.

Controlado ás 23,53 h. de onte outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que -segundo as últimas medicións sobre o terreo- rolda as 15 hectáreas provisionais. Ata o momento levan traballado nel 1 técnico, 8 axentes, 9 brigadas, 7 motobombas e 3 helicópteros.

Melón

Extinguido ás 20,34 h. de onte o lume rexistrado no municipio ourensán de Melón, parroquia de Quins, que se orixinara ás 22,38 h. do martes. Segundo as últimas medicións efectuadas, afectou unha superficie de 63,6 hectáreas: 58,6 ha arboradas e 5 ha de monte raso. No seu control participaron en total 22 axentes, 33 brigadas, 30 motobombas, 4 pas, 3 avións e 6 helicópteros.

Ribadavia

Continúa controlado desde as 18,25 h. de onte o lume rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia de Ribadavia, que comezou ás 22,11 h. do luns. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. Para a extinción deste lume lévanse mobilizado 2 técnicos, 34 axentes, 64 brigadas, 46 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 5 avións e 9 helicópteros.

Artigos relacionados

Back to top button