En portadaSanidadeÚltima hora

Feijóo explica como será a “nova normalidade” en Galicia a partir do 9 de maio

Desaparece o peche perimetral da comunidade, tamén o toque de queda (salvo nos concellos en nivel máximo de restricións) e ampliaranse os horarios da hostalaría

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, durnate a súa comparecencia.

 

¿Que consecuencias vai ter o inicio da madrugada do 9 de maio? É a pregunta coa que iniciaba a súa comparecencia, tras o Comité Clínico deste xoves o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, para dar conta das medidas que se tomarán a partir da citada data, cando remate o estado de alarma. “A partir do 9 de maio imos afrontar o mesmo risco que antes desa data pero con peores instrumentos para xestionar. Por fortuna, iso si, con máis esperanzas que hai meses porque empezamos a ter máis porcentaxe de poboación vacinada, pero por desgraza os contaxios existen e as variantes están aí”.

Coa desaparición do estado de alarma “o que si van mudar de forma repentina e abrupta son os instrumentos que as administracións imos ter para xestionar o virus e a pandemia. Pasaremos a un novo contexto xurídico que nos retrotrae ao principio de todo e para o que non estamos preparados. Volvemos a xestionala como no inicio, como se non aprenderamos nada. O obxectivo é que os contaxios non interrompan a vida económica e social, que os contaxios se detecten o antes posible e non dar pasos atrás”, dicía Feijóo.

Ademais, o presidente indicaba que neste momento a “situación epidemiolóxica de Galicia é estable, grazas ao cumprimento da sociedade galega, pero este exercicio de responsabilidade non rematou. Entramos nunha nova fase cunhas incertezas legais e incertezas sanitarias, como a cepa india, que nos preocupa, e tamén a chegada de novas vacinas”.

Novas medidas

Deseguido, o presidente da Xunta detallaba as novas medidas para “seguir avanzando neste proceso de apertura gradual e medido”. En concreto, Feijóo referíase a tres grandes apartados de medidas. O primeiro deles, é que “dende o vindeiro domingo Galicia no seu conxunto deixa de estar con peche perimetral, calquera persoa de calquera lugar pode vir á comunidade, xa sexa de Portugal ou doutras partes de España. Esta apertura pode ter unha afectación directa na evolución da pandemia e é unha das cuestións que máis preocupa aos profesionais do comité clínico. Imos reforzar o rexistro de viaxeiros, no que deben anotarse as persoas que chegan a Galicia dende zonas de incidencia alta. Darémoslle máis visibilidade”.

Ademais, vaise manter o peche perimetral nos cinco concellos que se atopen en nivel máximo, entre eles Cualedro e Laza, que presentan máis de 500 casos de Covid de incidencia acumulada a 14 días”.

En segundo lugar, tamén “se elimina o toque de queda e, de facto, quedará eliminado ás 00h. do domingo”. Sen embargo, naqueles concellos cunha situación epidemiolóxica de risco extremo  “o toque de queda manterémolo a partir das 23h., son os mesmos concellos do peche perimetral. Pero, para ambas cousas necesitaremos autorización xudicial, que solicitaremos ás autoridades xudiciais”.

Ademais, dende a unha da madrugada ata as 6h. prohibidas as reunións de non conviventes.

Seguiranse ampliando os horarios da hostalaría

E, nun terceiro apartado, Feijóo indicaba que “seguimos ampliando os horarios da hostalaría. Tense constatado unha enorme implicación dos hostaleiros no cumprimento das medidas e tamén unha gran implicación por parte dos cidadáns. Bares e cafeterías ata as 23h., restaurantes ata a unha da madrugada, pero necesitan ter licenza de restaurante, funcionar con cita previa e conservar o rexistro do cliente e que garantan a calidade do aire con máquinas de CO2”.

Estas medidas sairán publicadas mañá no DOG e entrarán en vigor ás 00h. da madrugada do sábado ao domingo. “Ademais ampliaremos ata a medianoite o toque de queda o sábado por razóns simplemente de lóxica. O toque de queda o sábado é ata as 24h.”

Estas medidas serán revisables cada 10 ou 12 días, matizaba tamén Feijóo.

Niveis por concellos
Concellos con nivel máximo: Cambados, Vilanova, Cualedro, Laza e Padrón. Haberá peche perimetral, toque de queda ás 23 horas (ata as 06:00), a hostalería péchase e as reunións de non conviventes quedarán prohibidas.
Concellos con nivel alto: A Merca, Pastoriza, Marín, A Laracha, Gondomar, Salceda de Caselas, Mesía, Ribeira e Coristanco. A hostalería funcionará só nas terrazas. Reunións de 4 persoas no interior e 6 exterior. Sen toque de queda, sen peche perimetral.
Concellos con nivel medio: son un total de 28 concellos nestes momentos. A hostalería traballará ao 30 por cento no interior e 50 no exterior e limitación de 4 persoas interior e 6 no exterior. Sen toque de queda ou peche perimetral.
Concellos en nivel medio-baixo: son 271 concellos, o 70,7%. Non haberá toque de queda nin peche perimetral, mantéñense os aforos e as reunións.

Novos avances nas residencias de maiores e nos centros de día

Ao longo da súa intervención, Feijóo referíase tamén ás medidas para seguir avanzando na apertura das residencias de maiores e dos centros de día. Así, nos centros de día que superen o 90% de usuarios vacinados: permitirase aos usuarios pasear pola contorna, sempre coa compañía dos seus coidadores; e nos centros de día que compartan instalacións cunha residencia, o persoal que estea vacinado poderá rotar entre ambos os centros.

Nas residencias, os maiores poderán saír para pasar uns días coas súas familias -como mínimo cinco días e realizando unha PCR ou proba de antíxenos ao volver ao centro-, agás cando o domicilio da familia estea nun concello de nivel de risco máximo. Nas residencias situadas nos concellos cun nivel medio e medio baixo de risco, poderase pasar de 3 saídas por semana a un máximo de 5, de ata 4 horas cada unha. Por último, e durante as visitas dos seres queridos aos usuarios, poderá volver manterse o contacto físico.

Artigos relacionados

Back to top button