PolíticaÚltima hora

Feijóo presenta unha candidatura ao comité executivo do PP que inclúe a alcaldesa de Larouco, entre outros rexedores

Esta lista, que inclúe seis vicesecretarías, será sometida a votación na segunda xornada do congreso que esta formación política celebra en Santiago

Alberto Núñez, durante a celebración do Congreso do PP en Santiago.

 

O candidato á presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, desvelaba onte no congreso que esta formación política está a celebrar en Santiago os integrantes da candidatura ao seu comité executivo que ten dous únicos encargos para os próximos anos: “preparar as Eleccións Municipais de 2023 e axudar a levar a Pablo Casado e ao Partido Popular á Moncloa”. Esta lista será sometida a votación este sábado, na segunda xornada do cónclave popular.

Nese camiño por diante, Feijóo destacou o papel de Miguel Tellado como secretario xeral, que tamén estará acompañado por seis vicesecretarías xerais, que recaen en Ánxeles Vázquez, Fabiola García, José Manuel Rey, Raquel Touriño, Olga Iglesias e Gabriel Alén (delegado da Xunta en Ourense), cuxo labor “será multiplicar o traballo, chegar a todo o territorio e mellorar a coordinación do partido”.

Tras dar a lista completa do seu novo Comité Executivo, da que tamén forma parte, entre outros rexedores, a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, que figura como coordinadora de Concellos Rurais, Feijóo puxo en valor a ese equipo, sinalando que o mellor que ten o seu partido é a unidade e a forza de milleiros de persoas remando por un mesmo obxectivo: “Pídovos o voto para seguir traballando por Galicia”.

Ademais Feijóo explicaba que non se presenta ao 17º Congreso autonómico polas catro maiorías absolutas que acadaron os populares galegos, porque en Galicia sigan mantendo un centro-dereita unido e maioritario, porque conseguiron manter ao socialismo, ao independentismo e ao populismo como forzas minoritarias, ou se pensase que todos os obxectivos como partido están conseguidos, senón “porque temos un camiño por percorrer”.

Durante a súa intervención, resaltou que a razón de ser dunha formación política é mellorar a vida dos seus cidadáns, algo que só se pode conseguir desde as institucións. Por este motivo, insistiu en que un partido de Goberno como o seu debe aspirar a competir e a gañar en todos os concellos, a formar Executivos estables que dean certezas aos seus veciños.

“Quero un PP forte, gañador e con fame”, dicía Feijóo, indicando que busca que nos 313 concellos haxa 313 candidatos dispostos a dalo todo polos seus veciños e sen dar un voto por perdido. “Somos o Partido Popular de Galicia, o que escribiu as mellores páxinas da historia política desta Autonomía”, dixo lembrando que a organización naceu coa Constitución e co Estatuto, é europea e europeísta, ten 45 anos de historia e contan cunha boa organización xuvenil, cos mellores cadros a nivel local, autonómico e nacional e cos mellores mestres.

Como recalcou, esta “mestura de empuxe, de formación, de preparación, de experiencia, de traballo e de paixón é un espello da sociedade galega e, froito desta realidade” presenta a súa candidatura, na que “ademais de xuventude, experiencia e perfís moi diferentes, hai dous denominadores comúns: a ilusión e a xenerosidade”.

Así mesmo, Feijóo incidiu en que o 17º Congreso autonómico está centrado nas propostas para os galegos: “Nós estamos aquí para falar de Galicia”, salientou expresando que no Conclave do PPdeG non perde ninguén senón que gaña a nosa Comunidade.

Artigos relacionados

Back to top button