ConcellosO BarcoÚltima hora

Gelines Sanabria: “Como crente e practicante que son, dar o pregón da Semana Santa no Barco é unha honra pero tamén unha responsabilidade”

O pregón será o sábado 24 de marzo ás 19 horas na Igrexa de Santa Rita

Ángeles co Nazareno.

 

Valdeorresa, filla de rubianesa e de zamorano, Ángeles Sanabria Meléndez creceu no seo dunha familia moi relixiosa e practicante que viviu e aínda vive con fervor e intensidade a Semana Santa. Un dos motivos polos que o párroco do Barco, Jesús Álvarez, pensaba nela para dar o pregón deste ano. “Gelines foi profesora moitos anos (directora nun Colexio Nacional de Barcelona e tamén no CEIP Virxe do Camiño de Rubiá), é unha barquense namorada desta terra á que lle pedín que fixera un pregón dende o corazón e dende a memoria porque ten vivido moitas semanas santas”, adiantaba o párroco na presentación do programa, asegurando que é un “guiño ás mulleres”.

 

Diante da igrexa de San Mauro.

 

Gelines é Confrade de Xesús Nazareno e tal como ela mesma lembra “o 18 de xuño do ano 2000, por desexo do párroco D. Gonzalo din as grazas en nome do noso pobo por ter a dicha dunha nova Ordenación Sacerdotal en Santa Rita, a do actual párroco de Viloira, Javier Calvo”. É membro do Orfeón Valdeorrés dende 1979 e fundadora de Manos Unidas O Barco xunto a Conchi Peña, Teresa Bravo e Virginia. Tamén pertenceu moitos anos ao Consello Parroquial colaborando asemade con Cáritas “ata case vimos nacer a unha criatura á intemperie”, recoñece, lembrando asemade que “Elenita, a de Veigadecabo e eu fomos as primeiras que levamos o ropeiro parroquial que daquelas estaba na Igrexa de Santa Rita aínda sen inaugurar”.

 

Gelines Sanabria co Nazareno.

 

Cando recibiu o encargo do párroco do Barco, que tiña moi clara a súa elección, Gelines estaba en Canarias onde pasa longas tempadas e recoñece que para ela “é unha honra e como crente e practicante o tomo pero é unha gran responsabilidade e o que máis me preocupa é defraudar a toda esa xente que puxo a súa esperanza e ilusión en min”.

Facendo memoria da súa infancia lembra que vivían a Semana Santa con moita máis austeridade que agora. “Cando empezaba xa cambiaba todo. Dicíannos que tiñamos que ser mellores, sacrificarnos polos demais… e o caso é que o faciamos. Antes había outro respecto cara os maiores e os profesores. A nenez e xuventude antes duraba máis, non porque foramos menos listos senón porque non tiñamos os medios que hai agora. Na miña casa non entrou a televisión ata o ano 1965 porque non había apenas, quitando nalgún bar. Nos anos 50 era a radio o que había. Nós tiñamos unha Telefunken grandísima onde escoitabamos o Telediario e tamén tiñamos un picú que levabamos ao río cos nosos discos de vinilo… Antes todo era moi diferente e a Semana Santa por suposto”.

 

Coa Dolorosa de Rubiá, pobo da nai de Gelines.

 

Gelines ten moi boa memoria e preparando o pregón que dará o sábado lembra que durante a Coresma non había cine, nin bailes en ningún sitio. “Era como se escurecera o sol, unha parálise total, era tremendo. Tapaban as imaxes nas igrexas con lenzos e había un silencio sepulcral. Na miña casa vivíase intensamente porque xa a miña visaboa era moi relixiosa e axudaba moito durante a Coresma. Repartía sopas de allo a todos os nenos pobres do barrio. As procesións tamén eran moi distintas, empezando porque os porteadores levaban as imaxes a ombros. Eu ía a todas, primeiro acompañada pola miña nai, despois xa soa e o único día de festa era o Domingo de Ramos cando estreabamos zapatos brancos que daquelas só eran para o verán. Os anos 50 foron difíciles para moita xente”, di, recoñecendo que na súa casa por sorte non xa que os seus avós eran agricultores e “grazas a iso comiamos ben”.

Estes e moitos outros recordos da súa infancia formarán parte do pregón que abrirá a Semana Santa 2024 no Barco de Valdeorras. Será o sábado 24 de marzo ás 19 hora na Igexa de Santa Rita.

Fotos cedidas

 

 

Artigos relacionados

Back to top button