CulturaCulturaÚltima hora

‘Hamelin’, obra teatral protagonizado polo verinés Machi Salgado, recala o 8 de maio en Verín

Este espectáculo de Redrum Teatro porase en escena no Auditorio municipal ás 20:30h.

Foto: Vanessa Rábade.

 

Redrum Teatro continúa o vindeiro sábado 6 de maio en Verín coa xira de Hamelin, espectáculo teatral protagonizado polo actor verinés Machi Salgado e escrito polo dramaturgo Juan Mayorga, que aborda o conflito dos abusos sobre a infancia. O Auditorio Municipal de Verín acollerá a función a partir das 20:30 horas. A montaxe, que se estreou no pasado mes de febreiro con grande éxito en Santiago de Compostela e visitou posteriormente Cangas, Pontevedra, A Illa de Arousa, Lugo e Teo, realizará a súa seguinte parada no concello ourensán.

Alex Sampayo encárgase da dirección e mais da adaptación deste Hamelin en galego que conta cun elenco conformado por sete intérpretes: Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu. A axudantía de dirección recae en Laura Míguez, mentres que o deseño de iluminación corre a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio e o espazo sonoro, de Fernando Epelde. O Hamelin de Redrum conta co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á creación escénica e do Concello da Illa de Arousa, que acolleu os seus ensaios.

Esta é a segunda ocasión que a compañía adapta ao galego un texto de Juan Mayorga, autor teatral que no 2022 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras. Despois de traer á nosa lingua O mozo da última fila, Redrum escolle agora Hamelin, obra de 2005 pola que o dramaturgo recibiu o Premio Max ao mellor autor teatral.

 

Foto: Vanessa Rábade.

 

Os abusos na infancia

Hamelin é unha proposta escénica que pon o foco na infancia, así como nas diferentes formas que ten a sociedade de relacionarse con ela, o papel que xoga no seo do noso contexto social e as diferentes violencias que se poden chegar a exercer sobre a cativada. Unha obra de grande atracción que fai partícipe o público de constantes dicotomías contemporáneas sobre a culpabilidade, a inocencia, os erros colectivos, as invisibilidades, as realidades familiares ou as condutas individuais.

En Hamelin, Mayorga aborda o tema da pederastia cunha sutil linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios. O dramaturgo aposta así por un espectador activo que imaxine máis aló do que se amosa en escena.

Redrum Teatro

A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores, A nena que quería navegar ou Contos do recreo) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota, O mozo da última fila ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019. Para a que é a súa décimo sexta montaxe, Redrum Teatro escolleu Hamelin, de Juan Mayorga.

Artigos relacionados

Back to top button