EconomíaEconomíaÚltima hora

“Igape Responde”, novo programa de asesoramento a autónomos e Pemes

Proporcionará información sobre as medidas impulsadas pola Administración galega para facilitar a volta á actividade do tecido empresarial con garantías

 

 

Co fin de fortalecer e reorganizar os servizos de acompañamento aos colectivos empresariais ante a situación xerada pola covid-19 a Xunta vén de poñer en marcha un novo programa: “Igape Responde”. Trátase dunha iniciativa “dirixida a ofrecer asesoramento inmediato a autónomos e Pemes para reactivar a súa actividade e que vai contar cos servizos dunha nova convocatoria da liña ReAcciona para facilitar orientación sobre como adaptar os negocios ás novas necesidades”, tal e como informa a Consellería de Economía.

Tanto a través do teléfono (900 815 151) como do correo electrónico (igaperesponde@igape.es) proporciónase asesoramento sobre as medidas impulsadas pola Administración autonómica co obxectivo de facilitar a volta á actividade do tecido empresarial galego con garantías de seguridade para a saúde e para mellorar a competitividade no novo contexto económico derivado da pandemia. Deste xeito, a través destas canles, autónomos e empresas poden consultar os apoios xa activados e os que entrarán en funcionamento proximamente.

Ademais, a través da xanela única que ofrece o Igape Responde, tamén estarán dispoñibles os servizos que se porán en marcha mediante a nova convocatoria do ReAcciona, que se prevé publicar mañá no Diario Oficial de Galicia, e que achegarán orientación e apoio individualizado sobre as medidas de implantación rápida que se deben adoptar a nivel xeral, na reorganización estratéxica e operativa dos negocios, así como no que se refire a proxectos de dixitalización e innovación para manter e impulsar a actividade produtiva.

En concreto, ofrecerá soporte personalizado en aspectos como a implantación do teletraballo, prestacións de servizos e promoción en liña, busca de financiamento e reconfiguración da oferta comercial.

Artigos relacionados

Back to top button