En portadaÚltima horaVídeos

O sector da lousa aborda con Rueda posibles convenios en materia de dixitalización e sostibilidade

O presidente da Xunta mantiña esta mañá unha reunión cos representantes do Clúster da Pizarra de Galicia na sede desta entidade en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras)

 

Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) era un dos puntos de Valdeorras que visitaba neste 30 de outubro o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Acompañado pola conselleira de Promoción de Emprego, polo director xeral de Planificación Enerxética, polo delegado da Xunta en Ourense  e pola alcaldesa de Carballeda, entre outras autoridades, chegábase ata a sede do Clúster da Pizarra de Galicia, onde mantiña unha xuntanza con representantes desta entidade sectorial. No encontro escoitaba os retos e necesidades dun sector que cualificou de clave para o rural galego.

 

 

“Quero agradecer ao presidente da Xunta e á conselleira que visiten as nosas instalacións”, dicía o presidente do Clúster, Víctor Cobo, que tamén convidaba a Rueda a unha nova visita “con máis calma” para coñecer de preto a cadea produtiva da lousa. Pola súa banda, Alfonso Rueda, que era a primeira vez que visitaba a sede do Clúster, resaltaba a relevancia socioeconómica da lousa, un sector “moi localizado ademais nunha zona moi concreta de Galicia, moi concentrada aquí na comarca de Valdeorras, que representa unha parte moi importante do PIB galego. Son moitos postos de traballo directos e indirectos e, polo tanto, merece unha atención singular”.

 

 

Galicia é unha potencia a nivel europeo na extracción, elaboración e comercialización da lousa. E neste senso, Rueda destacaba o labor das empresas, “que teñen detrás plantillas moi amplas dende hai moito tempo e que fan un produto de enorme calidade. Falamos sempre das cifras de exportación de Galicia, pois aquí está un sector moi exportador, unha parte importantísima da súa produción vai á aos principais países onde se move todo o que ten que ver coa construción e construción de calidade. Polo tanto, a lousa é un sector que hai que coidar e atender”.

 

 

Nese senso, Rueda anunciaba que na xuntanza falábase dunha “serie de convenios para a dixitalización, para seguir favorecendo a sustentabilidade dun sector que está moi preocupado por ser sustentable. É un sector extractivo e, polo tanto, son os primeiros que queren manter os lugares onde teñen os seus recursos, os medios de vida das súas plantillas mantidos en condicións ambientais axeitadas, lévano facendo moitísimo tempo e quéreno seguir facendo. E a Xunta vainos seguir apoiando”.

 

 

Así mesmo, no encontro abordábanse as liñas de axuda da Xunta ás que se acolle o sector e “a necesidade de facer unha serie de cambios para adaptarse á evolución desta actividade, a circunstancias que van saíndo”, aseguraba Rueda, que cualificaba a reunión de “moi produtiva, unha toma de contacto creo que importante e intensa”. Finalmente, Alfonso Rueda, facendo referencia ás palabras do presidente do Clúster, comentaba que queda “para outro día unha xornada completa aquí para ver toda a cadea que ten que ver co sector louseiro, dende as propias canteiras ata todo o que vén despois. Eu estarei encantado de facer esa visita”.

 

 

Ademais, interviña a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, quen indicaba que “fixemos un repaso ao sector da lousa, que é o motor económico de Valdeorras, e unha vez máis, tivemos a comprensión total do Goberno da Xunta, polo tanto, satisfacción absoluta con esta visita que, unha vez máis, demostra cando hai sensibilidade e humanidade cara a veciñanza, da comarca de Valdeorras”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button