
“Pontes co diaño”, o último libro do escritor e pensador galego Ignacio Castro, presentarase o vindeiro 25 de maio na Sala Nova (5ª planta) do Círculo de Belas Artes de Madrid. O acto comezará ás 19:30h. e nel, ademais do autor, estarán Alfonso Armada e Antón Patiño.
Nesta obra reúnense doce entrevistas con Castro de temáticas moi diferentes, con tons e rexistros diversos e publicadas en varios medios de comunicación. Nelas adéntranse “por vieiros pouco transitados” de áreas como a literaria, a política, a social e tecnolóxica, a dos afectos… Pero mantendo sempre unha crítica á “nosa depresiva integridade cultural”.
Ademais este volume inclúe un limiar, un epílogo e as biografías dos entrevistadores: Pedro Ferrández, Pablo Chacón, Alex Serrano, Gonzalo Trasbach, Sofía Lancho, Marcos Lorenzo, Oriol Leira, Fernando Franco e César Rendueles.