
O cantante e compositor Iván Ferreiro ofrecerá un concerto o vindeiro 11 de maio no Teatro Principal de Ourense, tal e como vén de anunciar esta mañá o presidente da Deputación, Manuel Baltar. A actuación enmárcase no programa da Semana das Industrias Culturais e Creativas (ICC Week) deseñado pola entidade provincial, que celebrará entre os días 10 e 14 de maio a súa segunda edición. As entradas están xa á venda dende hoxe en Ticketea, e teñen un prezo de 10 euros.
O acto de presentación tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e estivo presidido polo propio Baltar, como representante do goberno provincial. Neste eido sinalou que o concerto de Ferreiro “potencia a programación deste ano por contar cun artista dos máis xenuinos na música independiente do noso país, unha referencia no indie pop”. Pasa a ampliar así un cartel que tamén contará coa actuación de Love of Lesbian o 14 de maio. Pechan o cartel as bandas locais Bestlife -gañandora dos ICC Awards- e Priscila, convidada especial desta edición.
O presidente da Deputación estivo acompañado no acto polo coordinador da ICC Week, Juan Rivas e o brand manager de Mahou, empresa patrocinadora do concerto, Hugo Pérez.