Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

José Vicente Solarat: “Temos que aproveitar que A Rúa é final de etapa no Camiño de Inverno”

O candidato á alcaldía ruesa de Rueses Unidos Adiante presentaba o seu programa na Rúa Vella

“Somos unha candidatura de trece persoas que decidimos aventurarnos nestas eleccións municipais porque cremos que nos avalan unha serie de feitos que recollemos na galería fotografía deste folleto”, dicía José Vicente Solarat, candidato á alcaldía ruesa do RUA, nun encontro con veciños no Bar Novo, na Rúa Vella.

“Son fotos dunha serie de obras que se convertiron en realidades polo apoio do RUA, entre elas o Parque de Bombeiros, as dúas residencias da terceira idade, a primeira fase do polígono das Pedreiras, a instalación de Autoneum e o Centro Cultural Avenida”, destacaba o candidato. Ao mencionar esta última infraestrutura, Solarat facía unha lembranza especial a Clemente Macías.

 

A partir de aí esbozaba cinco ideas fundamentais do proxecto que agora defenden. Unha delas será “pedir á Deputación, que cobra un 40% do IAE que paga Iberdrola, que compense aos concellos que teñen láminas de auga como é o caso da Rúa”. Ademais propón “conveniar a xestión do Polígono das Pedreiras a través dun acordo entre Xunta-Deputación-Concello”, “aproveitar o impulso da fábrica de Autoneum para captar novas empresas” e “apostar polo turismo enolóxico, pola ruta do viño e a viticultura”.

En materia de turismo resaltaba o potencial do Camiño de Inverno. “Temos que poñelo en valor de cara ao próximo Xacobeo 2021, aproveitando as vantaxes que supón ser final da etapa Puente de Domingo Flórez-A Rúa. Temos que estimular a acción privada”. Incidía ademais na recuperación do eixo A Reza-O Aguillón para crear “un gran parque de lecer aproveitando as súas posibilidades”.

 

 

No acto tamén interviña o número 2 da candidatura de RUA, Alberto Vázquez, quen manifestaba a intención deste partido de “recuperar as escolas deportivas de verán, do campus de baloncesto, de piragüismo… que eran unha forma de dinamizar o pobo no verán, dábanlle moita vida”. Ademais a número 3 da lista, Blanca de Fátima, agradecía á presenza dos asistentes neste acto e o seu apoio.

Solarat pechaba as intervención lembrando o lema do partido nestas eleccións “Fagamos A Rúa grande outra vez”. “Nós temos esa experiencia e cremos que podemos logralo porque xa o fixemos”, concluía.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button