Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

Lara Da Silva, cabeza de lista do PP en Verín, promete un goberno “solvente, fiable e que sempre estará escoitando aos veciños”

Dicíao esta tarde nun mitín no que estaba acompañada polos presidentes do PP de Galicia e de Ourense

 

A candidata popular á alcaldía de Verín, Lara Da Silva, estaba acompañada esta tarde polo presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, no mitin que se celebraba no Colexio dos Padres Mercedarios da localidade a partir das seis e media.

O presidente do PPdeG amosou a súa confianza no potencial de Lara Da Silva e na candidatura popular para mellorar os resultados electorais da formación grazas a un equipo unido con propostas capaces de devolverlle a ilusión e a confianza aos veciños de Verín.

Rueda puxo en valor a incorporación de xente formada e preocupada polo presente e polo futuro: “Voces renovadas, cargadas de ideas e conscientes de todos os problemas que arrastra a vila nos últimos anos. O PP de Verín é un exemplo de como se pode chegar a unha renovación de candidatura desde o consenso e desde o traballo en equipo”, aseguraba.

 

 

Manuel Baltar: “Lara Da Silva é unha líder”

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, interviña tamén no acto avalando a experiencia e xuventude da candidata como “unha persoa formada, con capacidade de traballo e con acreditada experiencia na xestión pilotando o buque insignia agroalimentario e un dos referentes da provincia, como é a DO Monterrei. Lara da Silva é unha líder que vai instaurar unha nova etapa en Verín”.

Así mesmo, Baltar considera que se converterá “en alcaldesa para moito tempo e deixará atrás anos de parálise, sen ningún proxecto transformador, e no que os veciños foron testemuñas do peche de locais comerciais pola perda de oportunidades e a desidia xeneralizada no goberno municipal”

A alternativa que ofrece o PP, continuaba o seu presidente provincial, “é un equipo de traballo con capacidade de xestión e de tecer proxectos de colaboración coa Deputación de Ourense, a Xunta e Galicia e, máis pronto que tarde, co Goberno central presidido polo ourensán Alberto Núñez Feijóo. A candidata e o seu equipo ofrecen un proxecto renovado e de ilusión para desenvolver nos próximos anos e aproveitar as enormes potencialidades de Verín”.

 

 

Lara Da Silva comprométese a “dar resposta aos cidadáns e a solucionar os seus problemas”

Pola súa banda, a cabeza de lista popular en Verín prometía “un partido fiable, solvente e transparente que sempre estará escoitando activamente aos veciños para facer unha política construtiva fronte á proposta do resto de forzas política que conformaron un goberno que viviu de rendas porque todas as grandes infraestruturas da vila foron proxectadas e pagadas grazas á xestión do Partido Popular”.

Tamén explicaba que “cando asumín este reto, fíxeno coa convicción de quen sabe que ao xogo da xestión pública ningún outro partido lle gana ao PP, porque é, por enriba de todo, o Partido de Verín” Tamén se comprometía a “dar resposta a todos os cidadáns e a solucionar os seus problemas”.

 

 

As súas propostas electorais están encamiñadas a mellorar a economía do Concello: “O PP propón a creación dun parque loxístico no polígono de Tamagos, coas parcelas xa localizadas no mapa. A construción dunha escola infantil para 75 cativos, nun terreo da Xunta, que xerará 14 postos de traballo. Esta rigorosidade e coñecemento do territorio a aplicamos tamén para a rehabilitación do balneario de Caldeliñas, a promoción do deporte no concello, as axudas ao comercio e á hostalería ou a impulsar o sector industrial”

Tamén se refería Da Silva ao seu equipo. “A candidatura dos populares está formada por xente traballadora que arriscou en Verín e que quere sumar na vida dos veciños. Están cheos de ilusión para acadar un cambio real contando con todos os que estiveron a carón do PP pero tamén os que apostaron por outra formación”.

Artigos relacionados

Back to top button