ConcellosLaroucoÚltima hora

Larouco conta xa coa súa propia “Biblioteca Mutante”

É unha instalación diante do Concello para que os veciños poidan deixar ou coller libros

 

Outonía S. Coop., que vén de recibir o primeiro premio ao desenvolvemento rural na categoría de iniciativas promovidas por mulleres, convocado por AGADER, promove o programa de animación á lectura “Bibliotecas Mutantes” instalando a finais do pasado mes catro dispositivos de intercambio de libros nos concellos de Larouco, O Bolo, A Veiga e Porto. A presentación da de Larouco, xusto diante da Casa do Concello, tiña lugar na mañá deste xoves 16 de xaneiro.

As bibliotecas mutantes son unha iniciativa desta cooperativa que, en alianza cos concellos, queren promover a lectura no medio rural. Para iso, seguindo o modelo das bibliotecas libres, crease unha instalación que serve para que as persoas poidan deixar ou coller libros.

 

 

A responsable destas casetas é toda a veciñanza, “encargada de deixar os libros que lles gustaron moito e queren compartir con outras lectoras do pobo, ou aqueles que non lles gustaron nada e cren que a outra persoa lle gustaría. Tamén é a encargada de mirar se hai algún que lles apeteza ler e collelo”, explican dende Outonía.

Con esta proposta, financiada a través de Programas de animación a la lectura en el mundo rural 2024, Plan de fomento de la lectura 2021 – 2024 do Ministerio de Cultura a través da Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura, a cooperativa aposta por “atraer a innovación ao entorno rural e propiciar a colaboración veciñal”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button