DeportesÚltima hora

Laura Ester Ramos, outra valdeorresa nos Xogos Olímpicos de Tokio

Con orixes en Correxais (Vilamartín de Valdeorras) é a porteira da Selección Española de Waterpolo

Laura Ester coas tres medallas conseguidas coa selección española de waterpolo: nas Olimpiadas 2012, no Mundial 2013 e no Europeo 2014./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Valdeorras está moi ben representada nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020. Non só en baloncesto co adestrador da Selección Española Feminina, Lucas Mondelo, con orixes no Barco, que vén de dobregar a Serbia; senón tamén en waterpolo, con Laura Ester Ramos, con orixes en Correxais (Vilamartín), flamante porteira da Selección Española Feminina.

Aínda que naceu en Barcelona en 1990 Laura viaxa con frecuencia ao pobo de seu pai en Valdeorras, onde presumen orgullosos de ter como veciña a unha deportista de elite, cun impresionante palmarés. Tal como ela mesma lle contou ao Periódico O Sil nunha entrevista concedida hai uns anos, leva practicando waterpolo dende os 11 anos e entre os seus numerosos títulos están o Campionato do Mundo en 2013, o Campionato de Europa en 2014 e un meritorio segundo posto nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.

 

Laura Ester, na entrevista concedida hai uns anos ao Periódico O Sil en Correxais (Vilamartín). /Foto: Carlos G. Hervella.

 

En plena competición nos actuais XX.OO. de Tokio 2020, Laura Ester e o seu equipo darano todo por revalidar ou superar ese título, de feito xa ten asegurado o pase a cuartos de final. Así e todo, tras dúas vitorias consecutivas, na xornada deste mércores 28 de xullo, sufrían a primeira derrota, pola mínima (14-13) ante Países Baixos nun duro e tenso encontro disputado no Centro Tatsumi.

O vindeiro partido, ante Australia, será mañá venres 30 de xullo a partir das 12:50 horas.

 

A Selección Española de Waterpolo na gala ingaugural dos XX.OO. de Tokio 2021.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button