PolíticaÚltima hora

Luis Seara encabezará a lista do BNG en Ourense nas municipais

O primeiro tramo da candidatura nacionalista na cidade vén de ser aprobado pola asemblea local
Luis Seara, no centro, será o candidato á alcaldía de Ourense polo BNG nas eleccións municipais do 2019./ Foto cedida.

Xosé Luis Seara, Rut Marina Reza, Xosé Manuel Puga, Alba Sánchez Nieto, Xosé Diz Romay e Stella González serán os integrantes do primeiro tramo da candidatura que o BNG presentará na cidade de Ourense nas eleccións municipais de 2019. Así vén de decidirse na asemblea local da formación nacionalista.

Nesta lista, encabezada por Luis Seara, apóstase por un equipo de traballo mestura de experiencia e renovación. Nas súas primeiras palabras á militancia tras ser elixidos, os candidatos agradeceron a confianza depositada e anunciaron que van traballar como un tándem ata a data dos comicios, perfilando o proxecto de cidade co que van pedir a confianza dos ourensáns en 2019.

Luis Seara dirixiuse á militancia para pedir o seu esforzo. “Hoxe pomos o contador a cero e iniciamos a conta atrás para voltar ao Concello con forza e ser determinantes na configuración do próximo goberno municipal. Temos unha tarefa ardua durante estes meses, hai que sumar adeptos á causa, falar con todo o mundo para que se incorporen ao proxecto do BNG”.

Para Seara un bo goberno caracterízase por dúas cousas: “ter proxecto de cidade e ter capacidade, solvencia e liderado para levalo a cabo. Ourense, neste momento, carece de proxecto e carece de liderado. Non podemos asumir a parálise e o caos no que estamos instalados, hai que poñer a funcionar a súa enerxía e potencia”. Lembrou que tras anos de traballo político noutras instancias (Concello da Merca e Deputación), ten agora a oportunidade “de traballar pola miña cidade, pola cidade na que vivo desde que nacín”.

Pola súa banda, os candidatos electos avanzaron as liñas mestras do proxecto co que aspiran a construír: “Un Ourense con horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades”.

Artigos relacionados

Back to top button