
Os gandeiros do oriente ourensán, a denominada “Zona Cero da Sequía”, que solicitaron as axudas da Consellería do Medio Rural para garantir a subministración de auga ás explotacións agrarias (Orde do 30 de outubro de 2017) están recibindo nestes días as notificacións que lles indican o importe concedido e tópanse con que a subvención non cubrirá o 50% do investimento, tal e como se anunciaba na orde. Algo que está causando malestar no sector.
“O resultado dese 50% transformouse nun 24,43%, é dicir, unha persoa que faga un investimento de 10.000 euros tería que recibir uns 5.000 euros e vanlle dar só 2.400 euros. É unha vergoña que che prometan algo e que o resultado sexa nefasto, aínda que digan que a axuda era prorrateada. E iso é o que está sucedendo con todas as notificacións recibidas ata agora. Se non chega o diñeiro, pois que fagan unha ampliación de orzamento para a orde, que só contemplaba 925.000 euros para toda a comunidade”, asegura María Páez, gandeira e reponsable comarcal de Unións Agrarias en Viana do Bolo.
En segundo lugar, Páez critica o feito de que as axudas fosen destinadas a gandeiros de toda Galicia por igual, cando as condicións doutras zonas eran moi diferentes ás do oriente ourensán. “Parécenos unha falta de respecto que nos traten igual, non poden pornos nun mesmo baremo e repartir o diñeiro igual para todos cando se sabe que os abastecementos de auga aquí, nesta zona, non son iguais que no resto de Galicia. Entón non me poden estar dando a min o 24% e a outro gandeiro da Estrada, por exemplo, o 24%, cando alí non hai os problemas de auga que está habendo nesta zona”.
Ademais a responsable de Unións Agrarias na comarca vianesa lembra que os gandeiros desta zona (Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Mezquita, A Gudiña e A Veiga) teñen solicitada dende o verán unha entrevista coa conselleira do Medio Rural e que, a día de hoxe, aínda non recibiron unha resposta a esa petición de “reunirnos para explicarlles os nosos problemas”.
Tamén o concelleiro de Medio Rural de Viana do Bolo, o gandeiro Santiago Barja, se refería ao tema das axudas e pedía que “non nos enganen máis con promesas que non van cumprir. Isto é como se se vai a un colexio de 300 alumnos e se leva 7 caramelos. Primeiro pregunte señora conselleira, asesórese sobre cantos alumnos hai e, despois, compre os caramelos”.