Manzaneda vén de converterse nun municipio pioneiro na instalación solar fotovoltaica de autoconsumo compartido. Así o destaca o seu Concello, explicando que nesta semana quedará finalizado un proxecto singular de instalación solar fotovoltaica compartido de 37,8 KWh “para as instalacións municipais de depuradora, centro de saúde, residencia da terceira idade e centro de día”, segundo explica o seu alcalde, Amable Fernández.
Un total de 84 paneis fotovoltaicos teñen sido instalados pola adxudicataria das obras, Cobra Servicios e Instalaciones S.A, sobre a cuberta dunha nave municipal, logrando un autoconsumo respecto da enerxía consumida actual do 33% e uns excedentes a rede de 5%.
O investimento total da actuación é de 44.276 euros, financiado integramente a través de subvención de proxectos de enerxía fotovoltaica do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) a través do fondo europeo FEDRER, así como a través dun convenio entre o Concello de Manzaneda e Rede Eléctrica de España S.A.U.
Fotos: Concello de Manzaneda.