SanidadeÚltima hora

Comeza o obradoiro “¿Quen coida ao coidador?” no Centro de Saúde de Trives

Desenvolverase os días 7, 14, 21 e 28 de febreiro e o 6 e 17 de marzo e será impartido polo médico Fidel Sampedro e pola enfermeira María Jesús García

Exterior do Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dotar ás persoas coidadoras de ferramentas que lles permitan mellorar os coidados, ao mesmo tempo que coidan da súa propia saúde. Este é o obxectivo do obradoiro de saúde “¿Quen coida ao coidador?”, da Escola de Persoas Coidadoras, que comezará a impartirse esta tarde no Centro de Saúde de Trives. Este obradoiro vai dirixido á poboación de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río. Inclúe un total de seis sesións (os días 7, 14, 21 e 28 de febreiro e o 6 e 17 de marzo), con dúas horas de duración e que serán impartidas unha vez por semana polo médico Fidel Sampedro e pola enfermeira María Jesús García.

“Impártese coa metodoloxía dos procesos correctores comunitarios que se caracteriza, sobre todo, por poñer unha mirada nas dificultades da vida cotiá. Os coidadores, en xeral, son principalmente mulleres, aínda que tamén empeza a haber homes. Cando chegan á consulta veñen como moi agobiados, estresados, deprimidos, non teñen vida social, e enseguida te decatas de que algo está pasando”, explica María Jesús García, unha das docentes deste obradoiro.

Este tipo de inciativas, engade esta enfermeira, permiten “ver os problemas que xurden nas familias cando hai unha persoa á que hai que coidar as 24 horas do día. Entón tamén nós imos preguntar por que é así e as dificultades que teñen, tanto homes como mulleres, por realizar ese coidado. Imos falar das necesidades dos espazos persoais, de poñer uns bos límites, de ver como é un envellecemento saudable e das dificultades que temos para facer os duelos”.

 

Neste obradoiro, que empezará a impartirse esta tarde no Centro de Saúde trivés, participarán unhas 24 persoas. “De forma conxunta imos buscar unhas alternativas saudables a estes problemas porque se trata de coidarnos ben, pero coidándonos todos”, sinala María Jesús García, “esta é unha actividade formativa para darlle unha serie de ferramentas a estes persoas de forma que se poidan coidar a si mesmas, coidarse o coidador é máis difícil que coidar a unha persoa”, destaca María Jesús García.

Así mesmo esta enfermeira resalta a importancia deste tipo de iniciativas e a súa boa acollida, tendo en conta que xa se tiñan realizado algúns obradoiros nesta zona ourensá antes da pandemia. “Toda esta forma de traballar con grupos e creo que lle vale moitísimo á xente, porque decátase de que non só eles teñen esa problemática, que é unha problemática de todos, séntense acompañados, non se senten tan sós”.

 

Artigos relacionados

Back to top button