
Ubicado a 1.466 metros de altura, o de Penedo dos Lobos (Manzaneda) está considerado un dos campamentos romanos situados a maior altura no actual territorio galego. Nel comezará o vindeiro luns 20 de agosto unha campaña arqueolóxica que se prolongará ata o 26 deste mesmo mes.
O obxectivo, segundo o grupo de investigadores Romanrmy, é “estudar en detalle a morfoloxía do xacemento e o seu encaixe no proceso de conquista e control do noroeste peninsular por parte do Imperio Romano”. A campaña está promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o Concello de Manzaneda, e o Grupeo de Investigación Síncrisis, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
“O Concello de Manzaneda participa asumindo as dietas dos arqueólogos, a manutención, e coa limpeza do campamento, das súas 2,5 hectáreas. Esta limpeza empezamos a facela o venres pasado e contamos con que se remate este vindeiro luns”, explica o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez.

O alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez./ Foto: Carlos G. Hervella.
Os investigadores realizarán unha serie de prospeccións no interior do recinto fortificado e tamén algunha no exterior. Dende o Concello de Manzaneda destácase a importancia deste asentamento militar romano e a súa intención é seguir apoiando futuras intervencións no mesmo para dalo a coñecer e convertelo nun recurso turístico, segundo resalta Félix Dommínguez.