
Milagros Corral, cabeza de lista na provincia de Ourense pola coalición Marea Galeguista, acudiu este venres, 10 de xullo, ao concello de O Barco de Valdeorras nun acto de campaña electoral. Na súa visita mantivo un encontro cos representantes da Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA) para coñecer as súas necesidades e visitou o Hospital Público de Valdeorras.
Os empresarios destacaron a necesidade de impulsar a Denominación de Orixe Valdeorras, citando especialmente a importancia de publicitar o godello, xa que esta a comarca foi a primeira en producilo. Tamén urxiron promocionar o turismo e a cultura gastronómica e enolóxica. Neste ámbito, os empresarios de AEVA plantexaron a creación de paquetes turísticos con percorridos a nivel provincial para conseguir alongar a estancia dos turistas.

Arredor das 12:00h, Corral visitaba o Hospital Público de Valdeorras reuníndose coa xunta de persoal que lle trasladou as carencias nalgunhas especialidades e a necesidade de aumento de plantilla. Tamén rexeitaron as políticas da Xunta que consideran “privatizadoras” e “centralizadoras”.
Os empresarios e a xunta de persoal do hospital coincidiron en sinalar a necesidade de mellorar a N-120 e continuar co proxecto da A-76 para mellorar a comunicación da comarca, tanto cos seus arredores como coa capital provincial. Esta é unha das propostas nas que incidiu Marea Galeguista durante o transcurso da campaña electoral.
Fotos: Víctor Santos.