ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Medio cento de triveses participan no XXVII Encontro de Maiores en Baión-Vilanova de Arousa

Esta xornada de convivencia, na que tamén participaban veciños de Viana do Bolo e de Celanova, incluía unha viaxe pola ría para coñecer as bateas e unha mostra de oficios tradicionais

Ata terras pontevedresas desprazábanse na xornada do 16 de xuño medio cento de triveses para participar no XXVII Encontro de Maiores, en Baión–Vilanova de Arousa, que congregaba a máis de 300 persoas das catro provincias galegas, entre as que había tamén veciños de Viana do Bolo e de Celanova. A iniciativa estaba organizada pola Asociación Cultural O Castro (Baión–Vilanova).

O programa comezaba cun fermoso percorrido en barco pola ría, amenizado polo Grupo de Acordeóns do Salnés, onde recibían explicacións sobre o funcionamento das bateas de mexillón e podían velas ben de preto.

Despois, xa en terra e nunha zona con vistas ao Pazo Baión, asistían a unha mostra de oficios, costumes tradicionais como sega, malla, debullar o millo, corta do toxo, cesteiros, carpinteiros, zoqueiros, oleiros, canteiros, ferreiros, esceas de lavadoiro… Unha serie de costumes que para eles supoñía unha viaxe no tempo e revivir momentos da súa mocidade.

Seguidamente tiña lugar un xantar de confraternidade entre todos os participantes no pavillón, no que tamén actuaba un dúo musical. A continuación dábase paso a novas recreacións de oficios tradicionais ata o remate xornada. Dende o Concello da Pobra de Trives expresábase o seu agradecemento á A.C. O Castro “por convidar a maiores de Trives a participar no seu encontro e parabéns pola organización”.

Fotos: Concello de A Pobra de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button