DeportesÚltima hora

O Campionato Nacional de BTT celebrarase en Maceda esta fin de semana

A proba deportiva organizada polo Clube Ciclista Maceda agarda acadar os 500 inscritos, con nomes de primeira liña
Dende a esquerda: Quintas, Lete, Baltar, Rodríguez e Conde, esta mañá no Marcos Valcárcel.
Dende a esquerda: Quintas, Lete, Baltar, Rodríguez e Conde, esta mañá no Marcos Valcárcel. // Carlos G. Hervella

O Centro Cultural Marcos Valcárcel foi escenario esta mañá da presentación do Campionato de España de BTT, que se celebrará no Concello de Maceda os vindeiros 15 ao 17 de xullo. Organizada polo Clube Ciclista Maceda, a proba reunirá na vila ourensá a medio milleiro de corredores do ciclismo de montaña, converténdoa nun referente neste deporte. No acto estivo o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o alcalde de Maceda, Rubén Quintas, e o coordinador do Clube Ciclista Maceda, Xulio Conde, xunto co ciclista Pablo Rodríguez Guede.

Un momento previo á presentación desta mañá.
Un momento previo á presentación desta mañá. // Carlos G. Hervella

Baltar foi o primeiro en calificar o evento e explicou que se trata “dun campionato de ámbito nacional que ten como escenario a nosa provincia, concretamente Maceda, polo labor que durante todo este tempo desenvolveu o Clube Ciclista Maceda”. Asegurou que os esforzos desta escola se xustifica “non só con apostas, senón tamén con realidades firmes do panorama ciclista nacional, internacional e mundial, como representa o propio Pablo Rodríguez”.

O Campionato Nacional de BTT celebrarase en Maceda esta fin de semana.
O Campionato Nacional de BTT celebrarase en Maceda esta fin de semana. // Carlos G. Hervella

A continuación tomou a palabra o secretario xeral para o Deporte. Lete Lasa aproveitou para anunciar a creación dun centro especializado de BTT en Maceda “a través dun convenio que estamos pendentes de asinar o concello e a Secretaría Xeral para o Deporte”. Así explicou que “imos facer unha pista de pump track, para facer desta vila a capital do ciclismo galego, cunha inversión de aproximadamente 60.000 euros”. Convertiríase na primeira infraestrutura deste tipo en Galicia.

O alcalde do Concello, Quintas, agradeceu á Xunta esta nova e invitou a que a xente se achegue a Maceda para gozar da proba: “Poderán coñecer as espectaculares paraxes polas que transcorre o circuíto que o Clube Ciclista Maceda preparou para a ocasión”.

Pecharon o círculo de intervencións o ciclista Pablo Rodríguez e o director da escola, Xulio Conde. Rodríguez, pola súa banda, asegurou que Maceda “será a capital do BTT Nacional” e lembrou que a vila contará coa presenza dos cinco corredores máis importantes da tempada e subliñou: “estaremos os cinco con gañas de gañar o campionato nacional”.

Conde relatou os aspectos técnicos. Así, detallou que xa contan con 400 inscritos pero agardan chegar aos 500, unha data que suporía un novo récord de participación a nivel nacional. “A resposta a nivel corredores está sendo importante”, valorou. Tamén agradeceu a implicación das administracións á hora de facer posible a organización do evento e augurou que este será un “grande espectáculo”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button