ConcellosO BarcoÚltima hora

Membros de Disvalia poderán navegar no veleiro Laion de COGAMI pola ría de Camariñas

Este navío permite que persoas con discapacidade poidan vivir en primeira persoa a navegación a vela neste buque adaptado

Membros de Disvalia na celebración do 8º aniversario, antes da pandemia. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O veleiro Laion da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) volve soltar amarras e izar velas para proporcionar a oportunidade de gozar dunha experiencia única a persoas con discapacidade entre elas, usuarios de entidades como Disvalia con sede no Barco de Valdeorras.

O Laion é un veleiro que foi incautado en 2002 ao narcotráfico e, dende que o ten cedido en garda e custodia a asociación membro de COGAMI Adisbismur – Asociación de Personas con Discapacidade da Bisbarra de Muros- posibilita que as persoas con discapacidade poidan participar en actividades náutico-deportivas. Ademais, o veleiro permite o acceso á embarcación a calquera, ao estar dotado de adaptacións como un guindastre, que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida, ou uns asentos ou backets, tamén adaptados.

 

O veleiro Laion de COGAMI navega pola ría de Camariñas.

 

As saídas, programadas durante quince días neste mes de setembro, serán dende o porto deportivo de Muxía, lugar de atraque do veleiro. As travesías serán, unha de mañá (de 11 a 14 h) e outra de tarde (de 16 a 19 h), pola ría de Camariñas, simulando o traxecto Muxía Fisterra, a última etapa do camiño de Santiago, que non é accesible por terra para persoas con discapacidade. “A idea é que as persoas vivan a experiencia da peregrinación por mar como xa ocorría dende o século XII”, din dende COGAMI.

Durante quince días serán un total de 84 persoas as que van poder participar nesta experiencia de vela adaptada, todas elas usuarias de entidades como Asdifica, Disvalia, Alcer Coruña, Acem Coruña, Avante, Aixiña, Íntegro, Adisbismur, do centro de recursos de Medelo e dende o Proxecto Innovador que COGAMI está a levar a cabo nas instalacións do CEGADI en Santiago. Polo tanto, ata o porto de deportivo de Muxía embarcarán persoas que chegan dende os concellos de O Carballiño, O Barco de Valdeorras, A Coruña, Val do Dubra, Ourense, Cabana de Bergantiños, Muros, Silleda e Santiago.

Artigos relacionados

Back to top button