
España, co seu seleccionador ao fronte, Lucas Mondelo (de orixe valdeorresa), saía a xogar ás seis da tarde do 4 de outubro contra Turquía. E facíao tentando despregar o xogo que ten caracterizado ao longo de todo o mundial, pero atopábase cun partido moi diferente. Non eran de moito axuda os 10.000 turcos que arroupaban á súa selección no Fenerbaçe Arena, a presión de xogarse o paso á final e a actitude arbitral. Aínda así a selección española aguantaba a treboada de xogar contra o equipo da casa, resistía con sensatez e despregaba, en especial no último cuarto, a súa calidade.

As turcas comezaban inaugurando o marcador do partido e remataban o primeiro cuarto cunha lixeira vantaxe(19/20), mentres que no segundo, era España a que se mantiña por diante (28/27). Sen embargo, no terceiro cuarto as cousas empezaban a poñerse máis tensas para o conxunto español. Os tiros non entraban, perdíanse balóns e as turcas seguían avanzando, estando incluso ata cinco tantos por riba das españolas. Pero un pequeno detalle: a mala reacción ante unha falta e os nervios turcos cambiaban radicalmente o devir do partido e isto plasmábase, de forma especial, a partires do último cuarto. España subía no marcador, a selección volvía a sorrir. Así chegaba a lograr unha vantaxe de ata catorce puntos, a falta de sete minutos do final.

Dende ese intre, o obxectivo era non arriscar e esgotar o tempo mantendo a vantaxe e serenidade. E así aguantaban cun colchón de dez tantos ao longo de case seis minutos ata o remate dun encontro, no que as xogadoras encadeaban posesións mentres saboreaban a vitoria. Acababan de facer historia. Pitábase o final do encontro cun resultado de 66/56 e as xogadoras facían piña na pista, mentres o corpo técnico se fundía nunha aperta. Por primeira vez España chega a unha final e por primeira vez sairá a loitar pola medalla de ouro, a de prata xa a teñen.

E detrás desa traxectoria está o selo dun técnico de orixe valdeorresa, apoiado dende as bancadas polos seus pais, chegados dende O Barco, e por varios familiares valdeorreses. A seguinte cita, á gran final contra os Estados Unidos. Será o 5 de outubro ás 20:15h. e emitirase por TVE.
Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: FIBA/FEB