ConcellosÚltima hora

Alcaldes e deputados provinciais de todas as cores políticas menos o PP piden “un reparto máis xusto” nos orzamentos da Deputación

A concentración tivo lugar ás portas do Pazo Provincial para esixir que non se repartan as partidas provinciais “en función da cor política do concello”
A concentración tivo lugar ás portas do Pazo Provincial. // Foto: Carlos Asensio.

Máis de vinte alcaldes e deputados provinciais de Ourense (a meirande parte do BNG e do PSOE,) concentráronse hoxe, 31 de xullo, diante do Pazo Provincial, en Ourense, para solicitar “un reparto obxectivo” de axudas aos 92 concellos da provincia.

Nun manifesto lido polo alcalde do Barco de Valdeorras e presidente da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias), Alfredo García, criticaban o reparto “discrecional” que está a facer a Deputación de Ourense, “a decisión persoal do presidente”, asegurou. Por este motivo, explicaba o rexedor barquense, “queremos un plan único” que reparta os fondos da Deputación de xeito igualitario entre todos os concellos. García asegurou que isto non “é nada novo” reiterando que no resto das provincias galegas “faise dende hai anos”. E, en verbas do alcalde de Allariz, o nacionalista Francisco García, “non é lóxico que a Deputación discrimine aos concellos en función de quen os goberna”.

Sen saíres da reclamación, Alfredo García reivindicou que “os concellos precisamos saber a 1 de xaneiro os recursos que imos recibir das administracións públicas” porque, remarcou, “queremos ser responsables do que facemos ou deixamos de facer diante dos nosos veciños”. Por este motivo, os rexedores e deputados pediron nese manifesto que a Deputación incremente, entre outras partidas, a dotación económica do Plan de Obras Provincial (situado preto do 6%) e o compararon coa Deputación de Lugo “que dedica o 25 por cento”, rezan no manifesto, “a pesar de teres 65 concellos” e incluso o da Coruña que “chega ao 45% do total orzamentado”.

 

O alcalde do Barco, Francisco García, foi o encargado de ler o manifesto. // Foto: Carlos Asensio.

Así, os alcaldes solicitan tres puntos concretos a modificar: que nos vindeiros orzamentos se teñan en conta os criterios de reparto establecidos pola FEGAMP, a través dun plan único de investimentos que se sitúe na fronteira do 1/3 do total do orzamento “como fan o resto das provincias”. Que a Deputación suplemente o actual exercizo orzamentario nas partidas destinadas a cooperación cos concellos para situar as cantidades actuais de reparto a índices semellantes ao resto de provincias galegas e, por último, que os recursos públicos se repartan de xeito obxectivo e responsable na procura de mellores condicións de vida para os veciños.

O alcalde do Barco asegurou que os presentes neste acto “representamos á metade da poboación da provincia” xa que alí estiveron rexedores de núcleos grandes como o propio Barco, Verín, O Carballiño, A Rúa, Ribadavia, Barbadás…

Tendo en conta todo isto, o deputado e voceiro dos socialistas provinciais, Francisco Fraga, anunciou que solicitarán “inmediatamente” un pleno extraordinario para “debater esta proposta e rematar con esta situación discriminatoria”, e para iso, asegurou, tentarán achegarse aos representantes na cámara provincial de Democracia Ourensana. Pero o debate tamén se vai trasladar, dixo o alcalde de Allariz, Francisco García, aos concellos.

 

Os alcaldes queren un “Plan único” de reparto como o fan o resto das provincias galegas. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button