
Tras proclamarse campión galego alevín na competición celebrada en marzo na Coruña, e subcampión na Copa de España de Estilos Internacional a comezos de abril en Leganés (Madrid), o karateka barquense do River Stone, Nazan Barreda, loitará esta fin de semana no Campionato de España Infantil que se celebrará en Ourense.
A competición, que se desenvolverá no Pavillón dos Remedios, comezará mañá venres 16 de abril ás 14 horas, coas probas de kata alevín e infantil masculino. E será nesa primeira quenda onde compita o alevín barquense. O acto protocolario de entrega de medallas realizarase ao final de cada xornada, ás 20:45 horas, excepto na do sábado, na que se entregarán ao finalizar cada turno de finais.
A presentación do evento que reunirá a preto de 700 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e xuvenil (dende os 7 ata os 13 anos) de toda España, tiña lugar esta mañá por parte do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. No acto, o mandatario galego lembrou a Carmiña Barro Pita, ex presidenta da Federación Galega de Karate tristemente desaparecida en xaneiro de 2020, a quen está adicado o campionato. “Unha muller que dedicou boa parte da súa vida a promover o karate a nivel automómico, desde a presidencia da Federación Galega e a nivel estatal, desde a vicepresidencia da Federación Española. Carmiña foi, é e será parte da historia deste deporte tan nobre como o era ela”, sentenciou.