ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

No tempo da puxela

Unha fermosa (e necesaria) achega valdeorresa ao vocabulario meteorolóxico galego

Imaxe: Xabier Roo Abril.

 

Voan os días nestas derradeiras semanas da xeira anual. A roda incesante do tempo vainos acurralando contra a fin do calendario, ao tempo que o ano dá as últimas boqueadas. No entanto, ao carón do tópico recorrente do tempus fugit que estas datas terminais sempre inspiran, está esoutro tempo, o meteorolóxico, que nos vai deixar un amplo e moi interesante abano de fenómenos naturais. As horas de iluminación diúrna vanse achegando ao mínimo segundo nos arrimamos ao solsticio de inverno e a partir de aí, ou pouco máis, a roda volta a comezar. Polo mesmo, son días de rigores nas temperaturas, de marcas mínimas nos termómetros, como tamén de meteoros que teñen o seu reflexo nunha abondosa expresión de termos na nosa lingua: así han vir noites e mañás de fortes xeadas, coa formación de vistosos carambelos; días de punzante e molesto corisco, de nevaradas ou nevaruscadas que, de callaren as folerpas, poden deixar algunha farraspela ou farraspada polos altos da contorna. De xarabeadas, ou sarabiadas, pois cando “chove, venta e xarabea… Vai un frío que rabea!”, segundo reza o dito popular que escoitamos na casa. Da tan devecida chuvia, nas súas diversas manifestacións (ballón, chuvasco, chuvisqueira, babuña, fuíña…), ou da persistente néboa no val.

Mais a que agora lle propomos ao lector na cabeceira destas liñas é unha forma non tan coñecida. Recoñezamos que a nosa descuberta foi tamén serodia, por usarmos outro vocábulo de noso que, aos poucos, vai quedando arrombado. Hai xa unha presada de anos, nunha xélida mañá dos días que anteceden o Nadal, e en pleno centro da vila do Barco, asistiamos á formación deste raro (por pouco frecuente) fenómeno, que escoitamos nomear como puxela e que anotamos decontado, madía leva! O tal fenómeno prodúcese polo efecto da conxelación da néboa, cando esta está moi baixa. Fórmase deste xeito unha especie de neve moi fina, moi miudiña, cun aspecto moi atractivo, como de po de azucre ou de fariña sobre os obxectos, ou por riba da vexetación onde estas microfolerpas van callando. Non adoita ser moi habitual pola nosa zona: quizais dúas, tres ou catro veces no inverno, e mesmo hai anos en que non se dá ningunha mostra en toda a estación. De nos cinguir estritamente ao vocábulo, ningunha das obras consultadas, como os diferentes dicionarios da lingua galega -en versión impresa ou dixital- ou repertorios léxicos incorporados noutros traballos, recolle esta voz entre as súas entradas. Podemos deducir, daquela, que a distribución do termo puxela é restrinxida, reducida talvez á área valdeorresa, mesmo como un localismo dentro dela máis acoutado á contorna do Barco. Si recollen os dicionarios unha forma coa que entendemos está moi vencellada a nosa puxela, como é a voz puxa, coa variante puxe, que tamén rexistramos nesta zona. Neste caso o dicionario na rede e-Estraviz define puxe como “alimpaduras de cereais”, e puxa aparece con varias referencias en idéntico sentido: “po e fibras que se tiran do gran ao limpalo”, “po ou palla moi miúda de cereais mallados”, (…) “argana e gran triturado que fica da malla”, etc. Unha consulta en liña do Dicionario de dicionarios achéganos outra acepción moi próxima das anteriores ao caracterizar a devandita puxa como “caspa branca que se desprende do millo ao debullalo ou mallalo” (Aguirre, 1858); “po e refugallos que se lle tiran ao gran ao limpalo” (VV.AA., 1961 e Franco Grande, 1972); e tamén “anacos da casca e pequenos refugallos da castaña seca, logo da pisa” (VV.AA., 1961; Franco Grande, 1972 e C. García, 1985). Esta última, referente aos anacos e refugallos da casca da castaña seca, incorpóraa tamén o profesor Elixio Rivas Quintas, recentemente falecido, no seu estudo O Castiñeiro e as castañas (ed. Grafo Dos, Ourense, 1997). En calquera caso, vemos que hai unha relación de semellanza ou proximidade léxica entre os valores de puxa/puxe e a voz puxela, presente nesa mesma idea de “po ou refugallo moi fino”, e que está viva na imaxe das minúsculas folerpas que dan lugar ao fenómeno meteorolóxico. A formación deste vocábulo compleméntase coa adición do sufixo derivativo ela, con valor diminutivo.

Chama a atención que non teñamos en galego, ou non coñezamos, outro vocábulo pra nomear de xeito tan especializado o meteoro que vimos comentando, polo que non é raro que analistas e presentadores dos espazos de previsión do tempo nos medios boten man do termo correspondente en castelán, que á mantenta non imos citar agora. Sería bo que se incorporase á práctica cotiá deses mesmos medios, e se fixese por espallala dende eles, unha forma de noso e tan enxebre como é a voz puxela. Unha fermosa contribución pra arrequecer o patrimonio lingüístico común dende as terras do galego oriental. E tamén -por que non?- unha peza máis, unha humilde achega, nesa tarefa pendente de lle dar continuidade ao Vocabulario valdeorrés inacabado do Florencio, á que apelaba hai poucos días no Barco a presidenta do Consello da Cultura Galega e membro da Real Academia Galega, Rosario Álvarez, na súa intervención dentro das Xornadas Florenciófilas.

Texto: Xabier Roo Abril.

Artigos relacionados

Back to top button