PolíticaÚltima hora

Noa Presas: “Non hai nada escrito, Verín foi a primeira derrota de Feijóo e o 12X será a segunda e definitiva”

A cabeza de lista do BNG por Ourense participaba nun encontro coa cidadanía en Verín xunto a Néstor Rego e Diego Lourenzo

Noa Presas xunto a Nestor Rego e Diego Lourenzo, en Verín.

 

“Verín foi a primeira derrota de Feijóo e o 12X será a segunda e a definitiva, un goberno liderado polo BNG provocará un cambio real e galego”, dicía esta mañá nesta vila ourensá a cabeza de lista do BNG pola provincia, Noa Presas, nun encontro mantido coa veciñanza. Estaba acompañada polo deputado nacionalista no Congreso, Nestor Rego, e polo tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo.

Durante o acto interviñeron a candidata e concelleiro do BNG na Gudiña, Raquel Fernández, e o propio tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, tamén membro da lista ourensá. Presas sinalaba ao inicio da súa intervención que nesta campaña electoral a cidadanía terá que combater con dúas pantasmas: “unha primeira que é o Partido Popular de Feijóo, Jiménez, Baltar e Casado, que é o mesmo que dicir emigración, paro, abandono do rural e de Ourense, corrupción, privatización…; e por outra banda, a pantasma da resignación e do derrotismo. Non hai nada escrito e para combater estas pantasmas é precisa a receita da mobilización”.

Ademais Presas incidía en que “imos levar ás urnas a rebeldía do feminismo, a rebeldía das que defendemos a sanidade pública das que pensamos que Galiza merece máis. Imos levar ás urnas a rebeldía do Verín Non Se Pecha. Se concentramos o voto do cambio na papeleta do BNG, o cambio galego será imparábel e Galiza terá a primeira presidenta da nosa historia” reivindicou a candidata nacionalista.

E engadíu que o Partido Popular atópase “nervioso e debilitado porque está perdendo votos desde as eleccións xerais e municipais de hai un ano, tamén na circunscrición de Ourense onde só goberna en Ribadavia e na cidade de Ourense polo pacto da vergoña con Jácome”.

Presas reforzou a importancia do peso da formación nacionalista nas institucións exemplificándoo no Congreso do deputados: “tivo que volver o BNG para que se falara de Galiza e para que houbera compromisos con este país e as súas maiorías sociais”.

Pola súa banda, o deputado Néstor Rego, sinalou a capacidade de traballado da cabeza de lista durante estes últimos catro anos na súa labor no Parlamento de Galiza defendendo os intereses de Ourense. “Fronte a tanta submisión das forzas estatais, o que precisamos é determinación política para colocar sempre en primeiro lugar os intereses do pobo galego e facernos valer”.

Asemade, explicou que o resto de forzas progresistas estaban tendo o mesmo papel de submisión para con Madrid que o Partido Popular de Feijóo: “Durante todo o ano está dicindo España, España, España e agora en campaña electoral Galicia, Galicia, Galicia” criticou o deputado do BNG.

Rego incidiu en que “temos que acabar co espolio que padece o noso país. Temos a capacidade para actuar e para decidir en función dos propios intereses, da mellora da calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas” afirmou o deputado nacionalista. A gran elección o doce de xullo é escoller entre un partido teledirixido desde Madrid que colabore en manter o espolio e a dependencia; ou unha forza política que defenda e traballe pola soberanía e os intereses de todas e todos os galegos”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button