EntrevistasÚltima hora

“Non recordar o que pasou lévate a non recoñecer o que está pasando”

A actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (Río), estreará o 25 de setembro“Amanezca”, a súa primeira curtametraxe, na gala de apertura do 25º OUFF . Neste proxecto contou coa música da pianista Rosa Torres-Pardo

Lucía Álvarez (á dereita), directora de “Amanezca”, xunto á pianista Rosa Torres Pardo, autora da música desta curtamentraxe que se estreará na gala de apertura do OUFF. Foto: Claudia Campoamor.

 

En apenas un día compartirán co público un proxecto que levan acariñando e preparando durante moitos meses. Con emoción e bastantes nervios viven a actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), e a pianista Rosa Torres-Pardo a estrea da curtametraxe “Amanezca” na gala de apertura do 25º Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), ás 20:30h. no Auditorio.

O filme, escrito e dirixido por Álvarez, conta unha situación que se repite en épocas distintas. É a historia de Rita (interpretado por María Botto), unha actriz que afronta o reto de interpretar a Laurencia, protagonista da célebre obra teatral “Fuenteovejuna” (escrita por Lope de Vega e publicada en 1619). Mentres prepara este difícil papel, a actriz vive unha situación similar á do seu personaxe, case catro séculos despois. “Non recordar o que pasou lévate a non recoñecer o que está pasando e hai que enfrontarse ás cousas para buscarlles unha solución e para mirar ao futuro con outra cara”, destaca Lucía Álvarez.

A música, obra de Torres-Pardo, é unha das claves da curta, xunguida á canción que a pecha. “Foi un reto para Lucía e para min compoñer a canción da curta, foi un traballo arduo, pero moi emocionante”, conta a painista.

“Amanezca” é un proxecto, producido a través de Mezzoforte e de Estela Films, no que Lucía Álvarez se rodeaba dun equipo enteiramente feminino, sendo isto a primeira vez que sucede nun filme español. Este traballo (rodado integramente en Madrid en lugares tan emblemáticos como o Teatro Kamikaze ou o Parque do Retiro) chegará á gran pantalla o vindeiro venres en Ourense, nun acto que estarán estas dúas creadoras, que valoran de maneira moi positiva a experiencia e xa preparan novos proxectos, entre eles a súa primeira longametraxe.

– “Amanezca” era a primeira experiencia nunha curtametraxe para vostedes e o seu desenvolvemento coincidiu ademais coa chegada do confinamento, ¿como resultou ese proceso?

Lucía Álvarez (L.A.): O confinamento pillounos recén rematada a rodaxe xusto despois de gravar a música.

Rosa Torres-Pardo (R.T.P.): Foi moi xusto…

L.A.: Xa montaramos a imaxe, pero non puidemos nin editala, nin montar o son porque colleunos a pandemia, así que quedóusenos colgado aí. O que fixemos durante o confinamento foi buscar unha técnica de posprodución de son e atopamos a unha muller marabillosa: Carol Galvis en Bos Aires. A curta terminámolo vía telemática. Foi unha experiencia rara, pero logramos rematala e por iso podemos estreala agora en Ourense, na casa.

– Apostouse por un equipo integramente feminino, algo nada habitual, ¿finalmente logrouse que fose así?

L.A.: Si, o equipo é enteiramente feminino. É certo que tivemos problemas con algún posto porque era moi difícil atopar mulleres. Non en todos os oficios de cine hai mulleres, por exemplo, custou moito encontrar foquista, e mesmo houbo un momento no que estiven a piques de tirar a toalla, sen embargo nos últimos días conseguímolo. E, por outra banda, hai postos que as mulleres non acostuman facer, por exemplo, estar ao fronte dun determinado equipo, normalmente son as axudantes. Arriscamos tamén nese senso e toda a xente resultou superprofesional.

R.T.P.: Entre todas entendémonos moi ben. Dentro do proceso a min chamoume a atención o feito de que ao acabar de rodar un cre que xa se terminou a película, cando en realidade está todo por facer. A segunda parte é de moitísimo traballo, iso é o que eu aprendín…

L.A.: Os que estamos acostumados a estar do outro lado, facemos unha cousa é xa está o traballo feito, sen embargo o que é a película non existe, está todo por facer.

R.T.P.: E agora vén esta outra parte, que estreamos, e logo movelo en festivais.

– ¿Como foi a experiencia a nivel persoal?

L.A.: Estamos moi contentas, na rodaxe primou un equipo. Ao principio da película íamoslle chamar “Todos a unha” porque é un verso de Lope de Vega e porque realmente fumos todas a unha, non había ningún tipo de ego, cada unha estaba dando o 100% de si mesma para que fose a máis a curta e ter o mellor resultado final, entón foi moi gratificante. A min unha das cousas que máis me gustou como directora do proxecto, que non é mérito meu, que é mérito de todas; foi que todas descaron que non tiñan estado nunha rodaxe con tan bo rollo.

R.T.P.: Eu sentinme moi ben na parte musical, xunto a Clara Muñiz e Salomé Limón, foi un traballo que deu gusto facer e que para min foi moi interesante. Eu estou sempre na música viva e aquí, á parte da composición, gustoume este outro tipo de traballo que fas despois no estudo xa que ten esa esa parte de creación todo o tempo.

– ¿Que lugar ocupa a música na curta?

L.A.: Onde vai a música cambia totalmente o sentido da historia, tes que mirar exactamente o segundo no que entra, o segundo no que se corta porque un acorde máis ou un menos, un minuto máis ou un minuto menos, é esencial… E Rosa tivo que estar moito no labor de montaxe de son para cadrar moito os seus tempos e para potenciar os clímax.

– ¿Que duración ten a curta?

L.A.: Son 8 minutos máis 5 de canción. Para min a canción é importante, escribímola Rosa e máis eu e recolle todo ese sentimento, ten en si mesma unha mensaxe e un percorrido. Os títulos de créditos están alongados para que duren toda a canción, ou sexa dalgunha maneira forma parte.

– ¿Algunha mensaxe para o público antes da estrea en Ourense?

R.T.P.: A mensaxe pode ser, a parte da propia curta, que as mulleres xuntas tamén podemos facer cine con calidade. Entón a parte deses dereitos que defendemos, tamén está ese último chanzo, tanto na música como en todas as artes, no que sempre imos por detrás.

L.A.: Temos moita máis forza da que pensamos, todas a unha somas imparables e podemos facer o que queiramos, pese ao que nos teñen contado ao longo da historia. Temos que decatarnos das nosas propias forzas e iso non significa apartar aos homes, nin moito menos, senón simplemente recoñecer a nosa propia entidade e a nosa propia maneira de contar as cousas, que tamén é importante. E logo diría que a película é importante porque non saber de onde vés, non recordar o que pasou lévate a non recoñecer o que está pasando e hai que enfrontarse ás cousas para buscarlles unha solución e para mirar ao futuro con outra cara.

– ¿A boa experiencia deste curta pode ser un punto de partida para continuar novos proxectos deste tipo?

R.T.P: Por suposto, estes primeiros pasos curten moito e serviron de moito para abordar agora unha longametraxe…

L.T.P.: Si, estamos a punto de rodar unha película, “Amores Brujos” na que estará parte do equipo de “Amanezca”. Nós creamos Mezzoforte precisamente por iso, cada unha abarcaba un ámbito e vimos que xuntas podíamos facer outras cousas que non acostuman estar no circuíto habitual. Imos creando equipo coa xente que funciona, que vai na nosa mesma liña… E esa é a importancia de crear Mezzoforte: seguir pelexando por crear, por contar e por ilusionar.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button