AutomobilismoDeportesÚltima hora

O 56 Rally de Ourense, única proba galega puntuable para o Supercampionato de España de Rallyes

Celebrarase os días 16 e 17 de xuño polas rúas da cidade e polas estradas da provincia

Imaxe da pasada edición do Rallye de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nesta semana tiña lugar na sede da CEO en Ourense a presentación oficial do 56 Rallye de Ourense Recalvi, a única proba galega puntuable para o Supercampionato de España de Rallyes e que saltará ás rúas da cidade e as estradas da provincia os días 16 e 17 de xuño.

Neste acto, celebrado o 31 de maio, estaban presentes o secretario xeral para ou Deporte, José Ramón Lete Lasa; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome; o presidente da Real Federación Española de Automobilismo, Manuel Aviño e o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, ademais dos alcaldes dos concellos polos que pasará a proba, patrocinadores e membros de Escudería Ourense xunto aos pilotos Javier Pardo e Iván Ares.

Durante a súa intervención, o presidente de Escudería Ourense, Jano Fraga, resumiu os principais puntos sobre os que pivotará a proba nesta edición de 2023, coa dobre celebración do tramo espectáculo de Ourense como gran novidade.

O resto de intervencións das institucións quixeron render unha homenaxe á figura dos principais organizadores e como non, a Estanislao Reverter e Antonio Colemán, persoas clave no crecemento e asentamento dunha proba que foi puntuable para certames nacionais en 55 das 56 edicións, ademais de mostrar o seu apoio firme á cita, referente a nivel nacional en canto a organización, trazado e seguridade.

Os tramos da primeira xornada

Amoeiro

Amoeiro será o escenario do primeiro dos tramos cronometrados (15,8 km) do 56 Rally de Ourense. Os participantes, que darán dúas pasadas co seguinte horario: ás 16:50h. e ás 20:05h.

Irixo – Boborás

O seguinte tramo será o situado entre O Irixo e Boborás, con 18,02 km. Serán tamén dúas pasadas: ás 17:35h. e ás 20:50 h.

Tramo na cidade de Ourense

Estreábase na pasada edición e, desta volta, o tramo na cidade de Ourense, de case 2 km, terá unha dobre pasada. A primeira delas terá lugar pola noite, ás 22:30 horas. A segunda será 7 minutos despois.

Os tramos da segunda xornada

Barbadás

O de Barbadás será o primeiro dos tramos do segundo día do Rallye de Ourense, cun traxecto de 14,14 km. Serán dúas pasadas: ás 10:30 h. e ás 14:50 h.

A Merca – Celanova

Terá un traxecto de 13,24 kmen cada unha das dúas pasadas, a primeira das cales está prevista para as 11:10h. e a segunda para as 15:30 h.

Cartelle – Toén

O derradeiro tramo desta edición do rallye será así mesmo o máis longo, ao sumar 23,5 km. De novo haberá dúas pasadas para os pilotos: unha ás 12:10 h. e outra ás 17h.

 

 

Para ver con máis detalle o mapa, pódese premer no seguinte pdf

Mapa 2023 A3

Artigos relacionados

Back to top button