Continúa o traxecto dos membros do Club Peña Trevinca Barco pola ruta “Camiño do Monxe”, que percorre a Ribeira Sacra ourensá. Na xornada do 17 de febreiro unhas 33 persoas (24 delas do Barco) realizaban a terceira etapa deste gran sendeiro, consistente nuns 21 km entre Parada de Sil e o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Neste traxecto estaban guiados “por Javier da Teixeira, que foi quen o deseñou, e que nesta ocasión participaba coa súa muller e filla, e tamén estivo con nós Laura”, explica o presidente do Club Peña Trevinca Barco, Miguel de la Cal. “Tivemos un día espectacular e neste treito a ruta está chea de miradoiros sobre o río do Sil, camiñamos sen presa, relaxadamente e os participantes desfrutaron moitísimo”, engadía.
A meirande parte dos camiñantes eran do Peña Trevinca Barco, pero esta actividade tamén está aberta a persoas de fóra do club. A intención é realizar a seguinte etapa, que sería xa a cuarta (entre Santo Estevo de Ribas de Sil e Esgos) da ruta, a primeiros de marzo.
Fotos: Club Peña Trevinca Barco.