CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco acolle a estrea de dúas curtas en torno a Florencio

A Gala do Cinema sobre o poeta de Córgomo (Vilamartín) celebrouse no Teatro Lauro Olmo

Proxeccións, presentacións e entrega de premios. Son os ingredientes principais cos que se cociñou a Gala do Cinema en torno á figura do poeta de Córgomo, Florencio Delgado Gurriarán.

Nun Teatro Lauro Olmo co patio de butacas practicamente cheo, o actor e presentador Xosé Barato era o encargado de conducir a gala celebrada na noite do 11 de xaneiro. Prometía ser un acto breve, ameno e divertido e Barato conseguíu que así fose. En clave de humor, intercalando información sobre Florencio e sobre a comarca de Valdeorras, con bromas e chistes ben acollidos polo público, o actor de Matalobos (entre outras producións da TVG) e premio Mestre Mateo como mellor comunicador, foi dando paso aos contidos do festival.

Primeiro era a proxección de Falando en corto. Florencio, unha peza da produtora valdeorresa Sinte Lobos sobre a vida de Florencio a través de anécdotas contadas por persoas que dunha ou outra forma tiveron relación co literato, entre as que figuran Víctor Freixanes, Lucio Santalla, Camilo Valdehorras, Anxo Rei (cantando os poemas de Florencio), Chus, Luis Manuel Gurriarán, Ricardo Gurriarán, Paco Campos e Josefa Álvarez Quiroga.

 

O actor Xosé Barato foi o encargado de conducir a gala.

 

De seguido chegaba “o prato forte da noite” segundo Xosé Barato: a presentación dunha nova edición de Antoloxía. Vide, paisaxe, fala. Malia que o libro xa fora editado pola Asociación de Veciños de Córgomo no 2002, esta é unha actualización na que aparecen os textos dos finalistas do I Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Abre esta edición o texto gañador de Jorge Moral Vidal Ás apalpadelas, seguidos dos de Arancha Nogueira, Xabier Xil Xardón e Andrea F. Maneiro, todos presentes no teatro. Arancha e Andrea aínda non recolleran o seu premio, sendo no decurso da gala onde o propio presentador lle facía entrega do galardón. Seguindo cos premios, o alcalde da Rúa Luis Fernández e o tenente de alcalde do Barco Aurentino Alonso eran os encargados de entregar os seus aos gañadores do concurso de micro vídeo convodado o ano pasado por As Letras de Florencio entre os alumnos dos institutos de Valdeorras, resultando galardoados Jairo Borrajo do Barco e Laura Fernández da Rúa.

Por último, o broche a este noite de cinema, poñíao a estrea do vídeo homenaxe que Socialdocs fixo sobre FDG. Da man do dirctor e produtor petinés Domingo Díaz e de Manolo Gómez, a obra está centrado no seu primeiro poema, Castiñeiro Morto de onde colle tamén o nome, e conta con actores de Valdeorras e a colaboración de Paco Campos e Lucía Dalama.

Segundo o previsto, todos os asistentes (entre os que figuraban veciños de todo Valdeorras e tamén os alcaldes de Vilamartín e Petín, este últimomo acompañado pola súa muller e o neto) recibían un exemplar da antoloxía de Florencio Delgado Gurriarán e eran convidados a uns petiscos e un viño de Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button