En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco acolle unha xornada de participación pública de cara á elaboración do novo plan hidrolóxico da CHMS

Nela presentábanse os “Documentos Iniciais” deste novo proceso de planificación hidrolóxica, que estarán en exposición pública ata abril

No marco do ciclo de planificación hidrolóxica 2021-2027, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) vén de celebrar na mañá do 27 de febreiro no edificio multiusos do Barco unha xornada de participación pública de cara á elaboración do novo plan hidrolóxico desta demarcación, que deberá entrar en vigor no 2021. Este é un proceso cíclico que ten lugar de seis en seis anos e que vén marcado pola directiva europea da auga.

O proceso de preparación do novo plan consta de tres fases e actualmente estase na primeira delas, coa exposición e consulta pública ata abril dos chamados “Documentos Iniciais”. Precisamente neles centrábase esta xornada de participación pública no Barco, que se abría coa intervención do seu alcalde, Alfredo García, quen destacaba a importancia este tipo de sesións “xa que todos estamos afectados polo plan hidrolóxico, pode afectar dende a poder cortar unha árbore ata aos verquidos. Por iso é importante que se fagan alegacións durante este proceso tendo en conta a problemática real de cada unha das zonas”.

Nesta sesión participaban dous técnicos da CHMS: Carlos Guillermo Ruiz, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica, e Agustín Sevilla, xefe da Área de Plans e Estudos. En primeiro lugar, Carlos Guillermo Ruiz incidía na relevancia de promover a participación de todos os axentes neste proceso xa que a través do plan búscase “alcanzar o bo estado das masas de auga, previr o seu deterioro e lograr a súa sostibilidade”.

Ademais facía unha exposición dos contidos dos “Documentos Iniciais” que inclúen: o programa, calendario, estudo xeral sobre a demarcación e fórmulas de consulta. “Digamos que é a base técnica, toda a información a partir da cal se vai a elaborar o plan hidrolóxico. Temos que diagnosticar a situación dos nosos ríos e propoñer solucións e estas xornadas sirven para mellorar a coordinación entre as administracións públicas e as partes interesadas”, comentaba. As seguintes fases deste proceso serán a exposición pública do Esquema de Temas Importantes, que se fará neste verán, e a do proxecto do plan hidrolóxico, xa en xullo do 2020 para lograr a súa aprobación en decembro do 2021.

O sistema Sil inferior

Pola súa banda, Agustín Sevilla centrábase na análise do sistema Sil Inferior, a parte da demarcación na que se sitúa a comarca de Valdeorras. Facía unha descrición do mesmo, indicando que conta con 4.600 km de concas e cunha gran lonxitude de cauces, así como da súas condicións climatolóxicas. Tamén se refería á gran dispersión dos seus núcleos de poboación, á súa actividade industrial e enerxética, así como ás repercusións desta actividade humana nas masas de auga e no estado das mesmas (tendo en conta o seu estado químico e ecolóxico). “Das 62 masas de auga deste sistema, 48 presentan un estado bo e 14 están nun estado peor que bo”, dicía amosando un mapa onde estas últimas aparecían marcadas en vermello. “A UE esíxenos que este mapa sexa todo de cor verde”, engadía.

Finalmente, bordaba a tendencia que presenta esta zona da demarcación, con perda de poboación e cun mantemento da actividade enerxética e industrial, e falaba tamén dos efectos do cambio climático. A xornada, á que asistían alcaldes, así como empresarios e representantes de comunidades de augas, concluía cun turno de preguntas e cun debate.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button