ConcellosÚltima hora

O Barco apoia a ILP sobre medidas urxentes para “recuperar e fortalecer a atención primaria”

A Corporación barquense aprobaba no pleno de marzo unha moción presentada polo BNG de respaldo a esta iniciativa

O concelleiro nacionalista, Suso Vilasánchez, durante unha sesión plenaria no Barco./ Foto: A.R.

 

No decurso da sesión ordinaria do pleno que a Corporación barquense celebraba na tarde do 2 de marzo resultaba apoiada (co apoio do PSdeG-PSOE, Riada e BNG) unha moción presentada polo BNG de apoio á “Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria”. Durante a exposición da moción, o edil nacionalista Suso Vilasánchez sinalaba que “Galiza padece a día de hoxe un acelerado deterioro da súa sanidade pública” e incidía en que “a política sistemática de recortes en atención primaria ten consecuencias que afectan á saúde das persoas”, así mesmo matizaba que “a Xunta destina un 14% do gasto sanitario a atención primaria, moi lonxe do 25% que recomenda a Organización Mundial da Saúde. Estas cifras fan que Galiza sexa das últimas do Estado en gasto en atención primaria”.

Vilasánchez tamén aludía ás mobilizacións cidadás en defensa da sanidade, “que deixan patente que a Xunta ten que mudar a súa política sanitaria e que é preciso apostar pola atención primaria, verdadeiro corazón do sistema sanitario. A indignación cidadá manifestouse tamén na ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria, promovida pola plataforma SOS Sanidade Pública e rexistrada o pasado 7 de febreiro no Parlamento galego, con máis de 50.000 sinaturas”.

Neste senso, a moción do BNG pedía “instar ao Parlamento galego a tramitar con celeridade a ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria e aprobala por unanimidade” e dar traslado deste acordo á Mesa do Parlamento galego.

Artigos relacionados

Back to top button