SanidadeÚltima hora

O Barco pedirá unha base medicalizada do 061 para o Distrito Sanitario de Valdeorras

O BNG presentaba unha proposta neste senso no pleno que resultaba aprobada por unanimidade

Jesús Vilasánchez, concelleiro do BNG, presentando a moción.

“Nunha emerxencia precísase dar unha atención axeitada no tempo correcto, tendo sempre en conta que se o tempo de supervivencia é menor ao tempo de resposta, o paciente morrerá antes de recibir a axuda axeitada”, destacaba Jesús Vilasánchez, concelleiro do BNG no Barco, ao expoñer no pleno de outubro no Barco unha moción para pedir unha base medicalizada do 061 no Distrito Sanitario de Valdeorras, un punto que resultaba aprobado por unanimidade.

O edil tamén se refería ás condicións xeográficas deste distrito (que inclúe tamén as zonas de Trives, Viana do Bolo e Vilariño de Conso) e ás malas comunicacións viarias coa capital da provincia, destacando ademais a urxencia da petición desta base posto que “vai pouco firmouse o convenio que afecta aos profesionais do transporte sanitario e que agora estanse a definir as características do novo concurso de transporte urxente, é dicir, cantas ambulancias vai a haber, de que tipo serán, e onde se localizarán, o que ven a ser: como se vai a dimensionar a “Rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSUG-061)”. Esta, sen dúbida, pode considerarse unha moción urxente: o tempo aprema e non podemos chegar tarde coas nosas xustificadas reivindicacións”, indicaba Vilasánchez. Tamén detallaba as cifras de sinistralidade laboral de Valdeorras, que contrastan coas doutras zonas de Galicia, onde son inferiores e que si dispoñen de base medicalizada.

Tras a expoñer a moción, interviñan os voceiros dos outros dous grupos municipais, comezando polo PP, cuxa concelleira Maite Estévez, pedíalle que explicase que é unha base medicalizada. Vilasánchez sinalaba que unha base “é un sitio físico onde hai unha ambulancia, a ambulancia normal é a de soporte vital básico e levan 2 técnicos (un que se ocupa do traslado e un condutor), á parte están as ambulancias medicalizadas con 2 técnicos, máis un profesional de enfermería e un profesional médico, alí con eles. Por exemplo, se hai un accidente nun núcleo de poboación nun concello pequeno, métese na ambulancia e marchamos, pero o noso centro de saúde pecha. Pero o sistema non é ter unha ambulancia que non dispón de respirador, porque as de soporte vital básico non o teñen, nin dunha serie de cousas que unha de soporte vital avanzado si ten. Non estamos ademais reclamando nada que non teña outra xente hai 13 ou 14 sitios que teñen iso en Galicia, un deles Mos, que non sei que problemas teñen eles que non sexan maiores que os nosos para eles ter unha ambulancia medicalizada e nós non ter nada. O sistema é que nós necesitamos xente preparada e que a ambulancia estea dotada”.

 

A concelleira do PP, Maite Estévez, intervindo no pleno.

 

Tras escoitar as explicacións, a concelleira popular anunciaba o voto favorable do seu grupo á moción tendo en conta “o estado da estrada N-120, o cal non permite reducir tempos, nin realizar unha intervención rápida e eficiente, por iso contamos cun equipo de helicóptero, que si permite realizar unha intervención rápida e eficiente, pero está limitado por unhas condicións atmosféricas e non conta cun servizo nocturno, entón por iso podemos aproveitar este novo concurso de transporte que se ía realizar para pedir que se aumente ese servizo nocturno, que agora mesmo non se oferta, para poder ter esas horas nocturnas. Pero no que a vehículo terrestre se refire contar coa opción de medicalizar a ambulancia de soporte vital básico”.

Tamén a favor se manifestaba o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, quen destacaba que “a moción está tecnicamente explicada dunha forma exemplar e os cadros de datos que inclúe demostran claramente como nesta zona estamos con recursos diferente á maioría das comarcas de Galicia. Sorprendeunos que non se dotara á comarca de Valdeorras dunha ambulancia medicalizada avanzada, tendo en conta a nosa situación xeográfica e a das comunicacións, tecnicamente iso non se pode discutir, eu penso que se trata dun problema de vontade política, non se pode seguir discriminando a Valdeorras, por iso apoiamos a moción”.

 

O edil socialista, Orlando Saavedra.

 

Finalmente a moción resultaba aprobada cos 17 votos a favor dos tres grupos da Corporación do Barco, co seguinte acordo: “o Concello do Barco instará á Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza que no novo concurso de transporte sanitario terrestre se contemple unha base con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada dentro da rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSUG-061). Solicitando un posicionamento previo á publicación do citado concurso por parte da Consellería de Sanidade”.

Artigos relacionados

Back to top button