PolíticaÚltima hora

O BNG presenta un programa de goberno “para erguer Galiza” e que camiña “cara o local”

 

Autonomía financeira, autogoberno, aposta polos sectores produtivos, defensa dos servizos públicos e da igualdade real. Serán as prioridades dun goberno do BNG en Galicia. Así o adiantaba a súa portavoz nacional e candidata á presidenta da Xunta, Ana Pontón, durante a presentación do programa desta formación política ás vindeiras eleccións galegas, un acto no que estaba acompañada polos cabezas de lista das diferentes provincias.

É un programa de goberno para “erguer Galiza e prender o motor dun país parado pola falta de ideas do Executivo de Feixóo, un programa que un Goberno liderado polo BNG poñería en marcha a partir do 12X para a reconstrución económica e social, evitando que esta crise a pague unha vez máis a maioría social”, en palabras de Pontón.

“Hoxe Galiza ten un goberno sen ideas, sen impulso ao que se engade o atranco de sucesivos gobernos do Estado contaminados de centralismo que fai que Galiza perda, por iso urxe un cambio de rumbo da man dun BNG que confía no país e disposto a aproveitar todo o seu potencial”, continuaba Pontón, que destacou que unha das ensinanzas que deixa a crise da COVID19 é a necesidade de camiñar “cara o local, a economía verde, a sustentabilidade, apostando pola ciencia e o coñecemento: todo iso é o que representa o BNG”.

 

 

Para iso, presentou un programa de goberno “arredor de dez grandes principios co obxectivo de conseguir a reactivación económica e social a través dun gran acordo de país”. En primeiro lugar, autonomía financeira que pasa por “darlle a Galiza un novo modelo de financiamento que permita xestionar desde aquí todos os recursos e marcar as prioridades, en definitiva, que lle dea a Galiza a chave dos seus cartos, o que tamén inclúe unha banca pública que facilite que o aforro galego chegue ás familias e empresas”. En segundo lugar o BNG avoga por “combater a precariedade, actuando en cuestións como o acceso á vivenda ou en servizos básicos como subministro de auga, luz e electricidade”.

Tamén aposta o programa nacionalista pola I+D+i como “clave para unha economía competitiva, capaz de xerar riqueza e emprego de calidade”, e pola defensa da capacidade produtiva “cunha aposta polos nosos sectores estratéxicos, empezando por poñer os recursos do país ao seu servizo, por exemplo a riqueza eléctrica a través dunha tarifa eléctrica galega”.

O quinto principio inspirador do programa do BNG é a “defensa e blindaxe dos servizos públicos, en particular a sanidade pública e coidado dos maiores, cuestión urxente que a crise da COVID19 puxo máis de relevo que nunca. O BNG ten un modelo de residencias nas antípodas do PP no que o obxectivo é garantir o dereito a unha vellez digna, non se pode mercantilizar o coidado dos nosos maiores”, indicou Pontón.

En sexto lugar, Pontón mencionaba a igualdade real como prioridade transversal e a defensa da lingua. Finalmente, referíase á defensa dun “novo status político para Galiza, a comezar polo mínimo de esixir a transferencia de todas as competencias pendentes recollidas no Estatuto, pero con aspiración ao pleno recoñecemento como nación con dereitos políticos”.

Artigos relacionados

Back to top button