PolíticaÚltima hora

O BNG reclama ao Goberno do Estado que garanta a conexión telefónica e Internet en Folgoso do Courel

O deputado nacionalista no Congreso pídelle que interveña tras anunciar a compañía que deixará de prestar o servizo a través da rede de cobre da zona

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego./ Cedida.

 

O deputado do BNG Néstor Rego traslada ao Congreso “a preocupación da veciñanza de Folgoso do Courel ante a grave situación que a desconexión causará no municipio tras o anuncio de que a compañía telefónica Movistar deixará de prestar o servizo a través da rede de cobre na zona”. Nese senso, a organización nacionalista reclama a intervención do executivo estatal para “exixir a cobertura cun servizo alternativo e solucionar os problemas en materia de telecomunicacións existentes, aplicando as mesmas tarifas ofertadas até o momento”.

Dende o BNG aseguran que o pasado mes de novembro, “tan só un día antes da data anunciada inicialmente pola compañía telefónica Movistar para executar o corte das conexións de telefonía fixa e Internet por rede de cobre en Folgoso do Courel, rectificaba a súa decisión. Esta decisión produciuse polo rexeitamento social e a repercusión mediática que tivo. A empresa, nese momento, comprometíase a realizar a desconexión física en 2022 garantindo que antes todas as persoas usuarias terían unha alternativa de servizo”.

Dous meses despois, continúa o BNG, a compañía envía unha carta aos veciños e veciñas informando de que en seis meses deixarán de prestar o servizo mais as alternativas prometidas aínda non están executadas. “É certo que a moitas persoas usuarias da zona instalóuselles servizo de fibra óptica, mais existen moitos outros que non poden ter acceso á mesma, polo que terán que dispoñer dunha tecnoloxía alternativa”, denuncia o deputado do BNG.

A isto súmaselle que, debido a orografía da zona, “a principal opción, a conexión por ondas radioeléctricas, non funciona en moitos lugares do concello. Polo tanto, a alternativa non servirá para solucionar os problemas en materia de telecomunicacións existentes, pois en moitos núcleos non existe tampouco cobertura de telefonía móbil, nin de radio ou televisión adecuadas”, sinala o BNG.

Por iso, a organización nacionalista traslada a preocupación da veciñanza en forma de preguntas ao Goberno. A decisión da compañía, segundo explica Rego, deixa a “moitas veciñas e veciños nun illamento tecnolóxico posto que o corte afectará a moitas liñas de teléfono da zona”. Nese sentido, o deputado do BNG reclama ao Goberno do Estado que interveña nesta situación e leve a cabo todas as medidas necesarias que permitan garantir un servizo básico de comunicación alternativo que substitúa o actual para toda a veciñanza que non pode nin poderá acceder ao ofertado pola compañía.

Así mesmo, explica o BNG, o Goberno debe defender os dereitos das persoas consumidoras e usuarias “e que as tarifas sexan, cando menos, iguais ás anteriormente ofertadas”. É dicir, garantir o mantemento das tarifas porque, de non facelo, resultaría “abusiva a imposición dun novo prezo máis caro por un servizo deficiente”.

Artigos relacionados

Back to top button