Política

O BNG reclamará no Parlamento a delimitación definitiva do Camiño de Inverno por parte da Xunta

No caso do Barco, a deputada María G. Albert asegura que "existe unha clara incongruencia lexislativa entre a sinalización efectiva do Camiño e o trazado definido na documentación gráfica do Plan Básico Autonómico"

Publicidade
Fito do Camiño de Inverno no cruce entre Eulogio Fernández, Conde Fenosa e Estación, no Barco de Valdeorras./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Tras comprobar a polémica xurdida en distintos concellos atravesados polo Camiño de Inverno a Compostela, entre eles O Barco de Valdeorras, a deputada do BNG, María G. Albert defenderá no Parlamento Galego “a reclamación para que a Xunta incoe o procedemento de delimitación do Camiño de Inverno”, tal e como esixe a lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Ao tempo, os nacionalistas reclaman que se modifique o Plan Básico Autonómico “en todos os puntos nos que xurdan discordancias entre o trazado inicialmente previsto e o definido na delimitación definitiva”.

Tal como explican dende o Bloque Nacionalista Galego, son varios os concellos polos que pasa o Camiño nos que a Xunta ten denegado subvencións solicitadas por varios particulares ao abeiro do Programa de Fomento da Rexeneración e a Renovación Urbana e Rural do Plan de Vivendas 18-21. “En concellos como O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras ou A Rúa o ámbito das actuacións limítase exclusivamente ao trazado do camiño, mais ao non existiren unha delimitación oficial do trazado o Instituto Galego de Vivenda e Solo aplica o artigo 8 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galiza (DOG núm. 162, do 27 de agosto de 2018). Un Plan Básico que establece a inexistencia dun trazado definitivo ao longo dos concellos da nosa comarca”, di a deputada ruesa.

 

Segundo este fito, o trazado vai polo centro do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A deputada nacionalista insiste que en no Barco, que exemplifica moi ben esta problemática, “no seu tramo conflitivo, o plano do plan básico autonómico establece que o Camiño de Inverno transcorre pola Avenida Manuel Quiroga, continúa pola Avenida Marcelino Suárez, Avenida Conde Fenosa, xira na rúa Castelao para continuar pola Avenida Eulogio Fernández. Por conseguinte, este trazado non pasa pola zona vella do Barco, indo en contra do que as evidencias históricas, nomenclatura das rúas, etc. sinalarían como o orixinal trazado do Camiño de Inverno”.

Cabe sinalar que a Consellería de Cultura e Turismo proxectou e financiou a mellora da sinalización desta ruta xacobea en todas as comarcas galegas do trazado e, de novo exemplificando no Barco de Valdeorras, “concedeu subvencións ao propio Concello, nese caso si, indicando que o trazado do Camiño de Inverno pasa pola zona vella do Barco (rúas San Roque e Real). Existe, por tanto, unha clara incongruencia lexislativa entre a sinalización efectiva do Camiño de Inverno e o trazado definido na documentación gráfica do Plan Básico Autonómico”, explica Albert, reiterando que por moito que a Consellería de Cultura subvencione a sinalización do Camiño de Inverno polo casco vello e o propio concello emita certificados afirmando que o camiño de Santiago pasa polas Rúas San Roque e Real, “non suplen o feito de que a normativa aplicábel -isto é, o Plan Básico Autonómico- indique outro trazado do camiño de Santiago ao seu paso polo concello do Barco de Valdeorras, problema que se repite noutros termos municipais do mesmo trazado”.

 

Artigos relacionados

Back to top button