O Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste martes 6 de abril recolle a convocatoria de subvencións-axudas do Concello da Pobra de Trives para o impulso aos negocios do municipio. Vai dirixida a aqueles establecementos que se viron afectados “polo peche total, obrigado pola Xunta de Galicia; isto é, hostalaría e ximnasios”, tal e como se informa dende esta administración local.
Nesta liña, o Concello de Trives destina para sufragar os gastos desta subvención un total de 25.000 euros que “proveñen do aforro realizado polo grupo de goberno froito da política de contención de gasto que se está a levar a cabo”, tal e como explican.
Os interesados en solicitar estas axudas disporán dun prazo de 20 días naturais a partir de mañá 7 de abril. Para facelo deberán pedir cita previa no Concello, cubrir os Anexos I e II publicados e presentalos, xunto cunha fotocopia do DNI.
Dende o Concello de Trives concrétase que se destinará “a cada negocio un total de mil euros (1.000 euros) para paliar as restricións impostas pola Xunta de Galicia, pois no Concello estivemos, estamos e estaremos ao carón de quen o precise”, asegúrase dende o grupo de goberno trivés.