OurenseÚltima hora

O club Asesou consolídase como un referente na escalada ourensá

En catro anos pasou de 28 licenzas federativas (2 de base) ás 250 (114 de base) que rondan actualmente

 

En plena pandemia de coronavirus, Asesou (Asociación de escaladores ourensáns) fai balance da evolución do club que en catro anos tense consolidado como un referente na escalada ourensá, conformando ademais unha das escolas base máis numerosa e destacada de Galicia, “malia a falta de instalacións deportivas para a súa práctica”, aseguran dende a directiva do club, que pasou das 28 licenzas federativas (dúas das cales eran de base) que tiña no ano 2016, ás 250 que rondan actualmente, con 114 na base.

 

 

“Os datos oficiais da Federación Galega de Montañismo referentes ao ano 2019 sitúan o noso club entre os máis grandes de Galicia e como o segundo en canto a licenzas de base, cunha cota do 53,45% da base ourensá”, apuntan dende Asesou, engadindo que os números multiplicáronse no exercicio deste 2020. Un crecemento, e sobre todo o compromiso do club con esta disciplina e os máis xoves, que non pasou desapercibido recibindo varios galardóns da FGM como o Trofeo en recoñecemento pola labor de promoción e participación na escalada galega en 2017 ou o Trofeo á maior participación na Copa galega de escalada de base en 2019.

O club conta tamén con premios a nivel individual con varios podios e campións galegos de escalada en bloque e de dificultade “ademais doutras figuras indispensables da montaña gallega, así como equipadores, grazas aos cales a Escola de Escalada do Cañón do Sil é hoxe en día un referente en Galicia e un atractivo para escaladores nacionais”, puntualizan, destacando o compromiso toal de Asesou coa escalada, tanto dende o punto de vista máis natural ou clásico, como dende o deportivo e competitivo. Un novo rumbo co cal o club pretende dar cabida a ambas filosofías, “traballando con empeño na divulgación e no achegamento á sociedade das diferentes disciplinas de montaña”.

 

 

En continuo crecemento, en 2017 crea con fondos propios a primeira Escola de Escalada da provincia de Ourense en colaboración co Consello Municipal de Deportes e malia que os principios non foron doados neste curso 2020-2021 e malia a situación actual de alerta sanitaria, seguíu crecendo ata os 100 nenos que compoñen as súas filas, con 51 nenos e 49 nenas. No 2018 o club crea a Escola Ourensá de Marcha Nórdica, con más de 50 alumnos de todas as idades, ademais de prestar os seus servizos a concellos preto da capital, como Cenlle ou Pereiro.

Aínda que está especializado nas disciplinas de escalada e marcha nórdica, en Asesou dispoñen de vocalías que dinamizan outras disciplinas como sendeirismo e alpinismo “as que aporta cada ano fondos para que sigan crecendo e lograr con así dar cabida aos deportes de montaña en todas as súas expresións”.

Fotos: Asesou

Artigos relacionados

Back to top button