ConcellosÚltima hora

O Concello de Barbadás oferta axudas para libros e material didáctico

A Concellería de Educación amplía este ano a contía por alumno de Educación Infantil ata 90 euros
Fachada do CEIP O Ruxidoiro de Barbadás.
Fachada do CEIP O Ruxidoiro de Barbadás.

O Concello de Barbadás vén de abrir o prazo ata o 30 de setembro, para presentar a solicitude de axudas económicas para libros e material didáctico na etapa de Educación Infantil no vindeiro curso académico 2015-2016.

Tal como informan dende o departamento de Educación do Concello de Barbadás, estas axudas están dirixidas aos alumnos matriculados en centros públicos e privados en tramos concertados, exceptuando aqueles cursos que se benefician do programa de gratuidade de libros de texto da xunta de Galicia. Este ano a contía para libros e material didáctico por alumno increméntase ata 90 euros, o que supón un 28,60% máis con respecto ás axudas do curso anterior.

As familias que reciban as axudas non poderán exceder duns ingresos de 4.500 euros por membro familiar anual. Esta cifra supón tamén unha novidade con respecto ao ano anterior porque “o límite de ingresos amplíase para poder beneficiar con esta axuda a un maior número de familias do Concello de Barbadás”.

Os solicitantes poderán descargar o modelo de impreso de solicitude a través da páxina web do Concello de Barbadás onde se atopa toda a información.

Artigos relacionados

Back to top button