OurenseÚltima hora

O Concello de Xinzo reúnese cos produtores de pataca para resolver os problemas de regadío

O concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, analizará cos colleiteiros as mellores solucións, negociando tamén coas administracións implicadas

Imaxe da reunión do Concello cos produtores o pasado xoves, 9 de xullo.

 

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, xunto cos concelleiros de Medio Rural e Obras, Amador Díaz e Ramón Gómez e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, reuníronse a mañá do pasado xoves, 10 de xullo, cos representantes e produtores do sector da pataca, principalmente da zona de Lamas e Gande.

Coa reunión, o Concello busca, por un lado, atopar unha solución temporal que permita aos produtores continuar regando sen expoñerse a sancións económicas e por outro, o obxectivo a medio prazo de deseñar un plan de regadío que poña fin a un problema histórico deste colectivo. Para abordar esta cuestión, a rexedora da capital da Limia encomendoulle a Amador Díaz, concelleiro e presidente do sector, que se explore as posibles solucións e confía en que a súa dobre condición como edil e produtor axude a poñer aos colleiteiros de acordo.

 

Imaxe da reunión do Concello cos produtores o pasado xoves, 9 de xullo.

 

En palabras da alcaldesa: “Para este goberno será unha prioridade atopar unha solución definitiva a este problema. E creo que temos os mellores mimbres para facelo, pois nunca antes un produtor estivera ao fronte da concellería de Medio Rural nin este Concello tivera nunca un concelleiro no goberno que coñecera tan profundamente os problemas do colectivo”.

A xuntanza prodúcese despois dun breve encontro dos concelleiros de Medio Rural e Obras co ministro de Agricultura, Luís Planas, en Silleda, nun acto de campaña electoral o pasado mércores, 8 de xullo. A próxima semana o Concello reunirase tamén co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil coa intención de estudar a creación dunha moratoria para a extracción da auga do río Limia para regadío.

 

Artigos relacionados

Back to top button