OurenseÚltima hora

O Concello e a Xunta renovan un convenio para promover o turismo na cidade

O obxecto desta sinatura é a mellora das infraestruturas turísticas da capital para pór en valor os espazos máis representativos da cidade
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, deu conta dos asuntos da Xunta de Goberno Local.

O Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, renovarán, por terceiro ano consecutivo, un convenio de colaboración para a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento do turismo. O obxecto do convenio “é pór en valor un dos nosos espazos máis representativos da nosa cidade e mellorar as ferramentas para captar visitantes para a nosa cidade”. Así o anunciou hoxe, 15 de xuño, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Local. A sinatura do convenio, que xa conta coa aprobación en xunta de Goberno local, suporá contar cun orzamento de 116.000 euros, dos que 103.000 sairán dos fondos da Xunta e 13.000 da Concellería de Turismo e Termalismo.

Este convenio permitirá desenvolver dúas liñas de traballo: a mellora de infraestruturas turísticas, especialmente as da zona termal nas ribeiras do Miño, acondicionando os espazos xa existentes, incluíndo novas dotacións e equipamentos e a recuperación, posta en valor e conservación da biodiversidade natural e patrimonial que existe na contorna do río, así coma a instalación e renovación da sinalización turística. A segunda liña é unha campaña de promoción que permitirá a gravación e produción dun vídeo turístico para a promoción de Ourense como destino turístico.

Na Xunta de Goberno local, celebrada hoxe, tamén se deu conta da ordenación decrecente das ofertas presentadas para a presentación do servizo de son para as Festas de Ourense. No campo das Infraestruturas, aprobaron o pago do canon de ADIF polo uso de infraestruturas ferroviarias. Así, “apróbase o pago de decempro de 2016 por importe de 491,64 euros, correspondentes ao canon por ocupación de terreo urnabizado. “Trátase dun paso peonil que vai da estación á rúa Río Arnoia”, explicou o alcalde.

Por outra parte, o Goberno local da capital aprobou a convocatoria de subvencións do Concello de Ourense para asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais para o ano 2017. Unha convocatoria á que se destinará unha contía total de 325.093,24 euros.

 

Artigos relacionados

Back to top button